García di que a mancomunidade do Camiño está á marxe de ''localismos''

O alcalde de Sarria, José Antonio García, asegurou onte que a mancomunidade de municipios galegos do Camiño Francés en Galicia elixiu como sede Portomarín ao atoparse no «centro» da ruta na comunidade, aínda que a presidencia e as reunións continuarán manténdose por rotación nos concellos que compoñen a entidade. «Os once concellos defenden de forma común a potenciación do Camiño de Santiago e non teñen sentido os localismos», manifestou.

En resposta ao PSOE, que criticou que o goberno municipal non presentase a candidatura de Sarria como sede da entidade, García dixo que os once concellos «de todas as cores políticas» que compoñen a mancomunidade «acordaron» elixir Portomarín.

O rexedor recalcou que este concello será «sede da documentación» e que corre cos gastos de contar cun local para este fin. «A actividade mantense rotatoria. Está fóra de todo lugar que os socialistas fagan localismo e electoralismo político con este asunto, cando a mancomunidade está fóra de todo localismo. E Claudio Garrido durante catro anos non propuxo a Sarria como sede», opinou García.

Comentarios