Gandeiros lucenses critican as dificultades para acceder ás axudas da Xunta

UU.AA. convoca unha mobilización o día 18 en Santiago en protesta pola "letra pequena" das subvencións que se anuncian para o rural
Roberto García, junto a varios ganaderos, en Lugo
photo_camera Roberto García, junto a varios ganaderos, en Lugo

Gandeiros lucenses participarán na mobilización que convocou para o día 18 en Santiago de Compostela o sindicato Unións Agrarias (UU.AA.), co propósito de denunciar o que cualificaron como "o fraude das subvencións", por mor das dificultades que, segundo eles, teñen a maior parte das explotacións para acceder ás distintas liñas de axudas postas en marcha pola Xunta para impulsar o medio rural.

Nunha rolda de prensa que tivo lugar este martes en Lugo, o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, acompañado dun grupo de gandeiros de diferentes puntos da provincia, acusou á Xunta e, máis concretamente á Consellería de Medio Rural, que dirixe Ángeles Vázquez, de intentar crear "unha aparencia de axuda ao rural que non existe na realidade" xa que, segundo indicou, "a letra pequena das subvencións" impide que poidan acollerse a elas unha gran parte dos hipotéticos beneficiados. Por iso, este sindicato convoca para o próximo día 18 unha mobilización en Santiago.

Roberto García centrou estas queixas nos programas Ruralízate e Impostos Cero no Rural e nas liñas de subvencións abertas para paliar os danos da seca ou os incendios forestais. En todo caso, tamén denunciou outros feitos, como os atrasos nos pagos das axudas da PAC e trabas á hora de cobrar as indemnizacións como consecuencia dos ataques de lobos ao gando.

Apuntou, neste sentido, que mentres que o Goberno galego gasta millóns na campaña Ruralízate, nos pobos séguese recortando "en sanidade, educación e transporte, facendo que os que viven no campo sexan cidadáns de segunda pola falta de servizos".

Tamén sinalou que a liña de 20 millóns anunciada polo Executivo autonómico a interese cero quedou, finalmente, en 500.000 euros, aos que unicamente poden acceder aquelas persoas que estean dadas de alta como autónomos, "o que supón excluír ao 95% das persoas, é dicir, aquelas que teñen unha segunda actividade e traballan a tempo parcial".

Neste aspecto, García tamén denunciou a "esperpéntica" situación actual na que, por unha banda, a Xunta promove a cesión de explotacións de pais a fillos ou o intercambio de leiras para impulsar o rural e, polo outro, "Facenda leva a cabo unha avalancha de inspeccións masivas e sancións, como se se tratase de criminalizar por enriquecemento non declarado".

Ao mesmo tempo, García criticou que dos 21 millóns de euros aprobados pola Xunta para os incendios, só se destinen 1,5 para para cubrir os danos en granxas particulares, maquinaria ou viñedos e alertou que só 75 expedientes poderanse beneficiar da subvención de 5.000 euros para pozos afectados pola seca. Unha axuda, segundo el, "insuficiente", que ademais "non permite financiar novas captacións".

Comentarios