Galicia recibirá o triplo de diñeiro para o Fondo de Familia e Infancia

En 2014, a comunidade beneficiouse de 700.000 euros mentres que este ano a cantidade elévase a 2,4 millóns

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, destacou hoxe o esforzo do Goberno ao duplicar o fondo de 17 millóns para as Familias e Infancia e sinalou que no caso de Galicia triplícase a cantidade respecto do recibido o ano pasado ao pasar de 700.000 euros a case 2,4 millóns. Pouco antes de terminar a reunión sobre diversos aspectos sociais, que presidiu o ministro de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad, Mato puxo en valor o esforzo feito polo Goberno para apoiar ás familias máis desfavorecidas e á infancia.

En relación á dependencia, a conselleira anunciou que nestes días xa estarán dispostos para todos os concellos galegos "seis millóns de euros" que van permitir que "2.000 persoas máis poidan recibir a axuda a domicilio" a través dos seus consistorios, o que vai xerar "700 novos postos de traballo". Mato asegurou que no ano 2014, nove comunidades autónomas -entre as que se atopa Galicia- creceron no numero de dependentes atendidos e precisou que a súa comunidade é a segunda, tras Madrid, que atende a dependencia a través de servizos de calidade que xeran emprego.

A conselleira tamén subliñou a posta en funcionamento dun novo Fondo Europeo destinado a cubrir as necesidades alimenticias das familias máis desfavorecidas, que vai ascender a máis de 660 millóns de euros, e dos que máis de cen millóns van ser achegados polo Goberno central. Respecto diso, sinalou que se creou un grupo de traballo entre todas as comunidades autónomas para "definir os criterios".

Tamén se referiu ás futuras leis do Voluntariado e Terceiro Sector, e comentou que se atenderon a metade das alegacións presentadas por Galicia. Centrándose no Voluntariado, Mato destacou que a súa comunidade "leva catro anos coa súa propia lei", que agora se verá complementada coa lexislación estatal, e precisou que a norma galega "é máis ambiciosa" ao certificar a "acción voluntaria de cada unha das persoas".

Comentarios