Galicia ocupa máis dun terzo do esforzo realizado polo ministerio de Medio Ambiente na súa loita contra o lume

Máis dun terzo do esforzo realizado ata o primeiro de setembro polo Ministerio de Agricultura situouse en Galicia.

O departamento do Goberno central informou hoxe da actividade realizada desde o primeiro de xaneiro, nun período no que se rexistraron 1.875 incendios de máis dunha hectárea, fronte á media de 4.635 na última década.

O Ministerio informou nun comunicado das diversas actuacións realizadas fronte ao lume no monte, como intervencións en xeral, de extinción, horas de voo e descargas dos medios aéreos.

Das 1.457 intervencións que Agricultura apunta no seu escrito, 628 foron en Galicia, o que supón máis dun 43 por cento, seguida de Castela e León, con 259, e Castela-A Mancha, con 114.

En canto ás actuacións de extinción, os medios do Ministerio interviñeron en 513 incendios, dos que 203 foron en Galicia, un 39,5 por cento, tras a que se situou a distancia Castela e León, con 85 incendios.

Finalmente, os medios aéreos achegados polo departamento do Executivo central realizaron un total de 3.355 horas de voo, das que 1.138 foron en Galicia, un 33,9 por cento; e procederon a 16.969 descargas, 6.158 nesta Comunidade autónoma, un 36,2 por cento.

Comentarios