Galicia, escenario da fichaxe de Cruyff polo Barça

Galicia cobrou importancia na vida de Johan Cruyff, que faleceu este xoves aos 68 anos tras unha longa loita contra o cancro. Na comunidade galega, concretouse a súa fichaxe polo Barcelona en 1973 e tamén disputou un dos seus primeiros encontros como xogador azulgrana.

A súa incorporación ao conxunto barcelonés pechouse nun hotel de Santiago de Compostela aproveitando que o habilidoso xogador holandés participaba na Coruña no Trofeo Teresa Herrera coa camiseta do Ajax de Amsterdam.

O seu debut na liga española fíxose esperar por uns problemas burocráticos como consecuencia do malestar que xerou no Ajax a súa saída do club. Así que antes de estrearse en partido oficial co Barcelona, tivo que disputar varios amigables, entre eles, un no campo ourensán do Couto, onde a súa presenza levantou unha enorme expectación, tal e como recordan as hemerotecas.

Xa como técnico do Barcelona, Galicia, de rebote, tamén deu sorte a Cruyff na década dos noventa. En 1994, o Deportivo chegaba á última xornada da liga como líder do campionato e dependía de si mesmo para cantar o alirón, algo que só podía amargarlle o Barcelona de Cruyff.

O conxunto coruñés non era capaz de pasar do empate ante o Valencia en Riazor e no Camp Nou o Barcelona cumpría ante o Sevilla (5-2). Co partido finalizado en Cataluña, a celebración no Camp Nou estaba pendente do desenlace do choque da Coruña.

Para optar por primeira vez na súa historia ao título, o conxunto coruñés dispuxo dun penalti a favor nos últimos instantes do encontro, pero Djukic fallou desde os once metros e a liga acabou en poder do chamado dream team que conducía Cruyff en Barcelona.

Comentarios