Galicia terá un catálogo de paisaxes que identifica 80 na costa mariñá

Inclúe espazos de valor natural como As Catedrais ou Chavín, pero tamén zonas degradadas como a balsa de Alcoa
Las fábricas de Sargadelos se incluyen en el catálogo como lugar de interés paisajístico
photo_camera Las fábricas de Sargadelos se incluyen en el catálogo como lugar de interés paisajístico

O primeiro catálogo de paisaxes de Galicia, que permitirá xestionar mellor o territorio ao caracterizar diferentes espazos da xeografía, publicarase a comezos deste ano e inclúe 80 espazos da Mariña. Na súa elaboración traballa o enxeñeiro agrónomo ribadense e profesor na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo da Universidade de Santiago, Francisco Javier López. Para deseñalo, tivéronse en conta as opinións cidadás. En Burela, celebrouse en outubro un taller no que os participantes marcaron máis de 40 lugares de interese paisaxístico, como As Catedrais e as fábricas de Sargadelos, e outros tantos valores, como o porto de Morás ou os eucaliptos de Chavín, pero tamén dez espazos degradados que vixiar, destacando entre eles a balsa de lodos vermellos de Alcoa.

"O catálogo pretende ser un documento de referencia que delimite e caracterice os diversos tipos de paisaxes existentes en cada unha aás grandes áreas do territorio galego. É o paso previo imprescindible para a elaboración dunhas directrices que regulen dalgún xeito esa xestión territorial", matiza o ribadense López, que pertence ao grupo de investigación do Laboratorio do Territorio da universidade compostelá, que á súa vez traballa co Instituto de Estudos do Territorio no deseño do documento. 

Os especialistas dos máis diversos ámbitos da Xunta de Galicia, a través do mencionado instituto e en colaboración coa USC, xa avanzaron no catálogo, para o que tamén recolleron suxestións cidadás. "Fixéronse doce talleres, repartidos por todas as comarcas: Lugo, Santiago, A Coruña, Vigo, Becerreá, Viana do Bolo, As Pontes, Betanzos, Burela... Neles participaron preto de 300 persoas e máis de 200 colectivos, aos que hai sumar as aportacións inviduais feitas a través da aplicación informática que houbo dispoñible ata fin de outubro: somospaisaxe.org", precisa López. Todo iso permitiu sinalar máis de 2.000 lugares de interese, ao redor de mil valores paisaxísticos e máis de 350 áreas degradadas. 

Polo que respecta á Mariña, e principalmente grazas á achega cidadá, identificáronse máis de 40 lugares de interese: "Entre eles figuran as fábricas de Sargadelos, a zona de Perdouro e o Miradoiro do Monte Castelo en Burela, Santo Estevo do Ermo en Barreiros, a Illa de San Martiño no Sor, o río Ouro na desembocadura, a serra do Xistral, o castro de Fazouro, o Pozo da Onza no Valadouro, o Camiño Norte, a Praia das Catedrais, as pozas da fervenza do río Tronceda en Mondoñedo, a punta de Estaca de Bares ou a Torre de Pardo de Cela". 

Sinaláronse outros 40 valores paisaxísticos, como as antigas minas de caolín e o paseo dos namorados de Sargadelos, pero tamén se advertiu acerca de dez espazos degradados: "A balsa de lodos de Alcoa e algunhas canteiras e construcións ao pé da costa como na praia da Abrela ou en Barreiros", apostila López. O catálogo incluirá accións de protección ou recuperación en caso necesario.

Comentarios