A comunidade acolleu a pouco máis de 150 refuxiados ata o momento

Desde a Xunta lamentan que non cheguen máis ► En Marea cualifica de "ridícula" a cifra das persoas auxiliadas

Un total de 159 persoas refuxiadas foron acollidas en Galicia, a maioría deles de Siria, aínda que tamén "doutras nacionalidades como Venezuela, Fonduras ou Ucraína".

A repartición por provincias dos 159 é o seguinte: A Coruña (93), Ourense (26), Lugo (23) e Pontevedra (17). Principalmente foron aos concellos da Coruña, Vigo, Vilagarcía, Sarria, Ourense e municipios de Valdeorras. Diso informou este martes o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, na comisión Institucional do Parlamento galego, onde dixo que lamenta "moito" que non cheguen "máis refuxiados" a España e Galicia, aínda que indica que a Comunidade xa trasladou ao Estado que está "preparada" para acoller a máis persoas. "Gustaríanos que fosen máis", deixou claro.

Con todo, Arturo Parrado prevé que nos "próximos meses" haxa un incremento de persoas recolocadas en Galicia, mentres pon prazas a disposición do Goberno central, en especial para menores e familias con fillos con lesións cerebrais.

Así, espera que "no futuro" os desprazados "poidan vir con máis axilidade", xa que Galicia conta cos "recursos necesarios". Remarca que se destinou 1,6 millóns para a atención.  Ademais, dixo valorar "a atención" prestada a estas persoas, xa que se cobren "todas as súas necesidades", cun acompañamento "individualizado" e "procurando unha integración social" e "laboral" para que "poidan ser uns galegos máis".

"FRACASO" NA ACOLLIDA. Pola súa banda, Luca Chao (En Marea) cargou contra o "fracaso" da acollida en España e a UE, con gobernos "cómplices da barbarie, a dor e o desamparo", que decidiron "mirar para outro lado".

Respecto diso, reprocha que España só acolla a uns 2.000 refuxiados, un 11% dos 17.337 comprometidos, o que supón "20 puntos menos que a media da UE".

Unha cuestión que achaca á "inacción" do Executivo de Mariano Rajoy e ve "unha burla". "Esixan actuación ao Goberno central", emprazou ao Executivo autonómico.

Así mesmo, Chao considera "ridícula" a cifra de persoas que chegaron a Galicia, e reduce o plan de acollida da Xunta a un "anuncio propagandístico".

Comentarios