Francisco Conde visita o IES Río Cabe no 50 aniversario do centro

O conselleiro de Industria regresou ás aulas onde cursou o bacharelato hai tres décadas e animou aos alumnos a non pór límites ás súas aspiracións
El conselleiro, momentos antes de la charla que impartió a los alumnos del IES Río Cabe
photo_camera El conselleiro, momentos antes de la charla que impartió a los alumnos del IES Río Cabe

A dirección do IES Río Cabe de Monforte tíñao claro. Con motivo da celebración do 50 aniversario da creación deste centro educativo era necesaria a presenza dalgunha personalidade, de alguén que destacase na vida pública e que cursase estudos nel. Acordáronse de Francisco Conde, conselleiro de Economía e Industria, quen estivo no instituto estudando bachilletaro e COU entre os anos 1982 e 1986. 

Conde mostrouse encantado coa invitación e este martes achegouse ata o seu instituto, onde non puxera un pé desde entón. Por un momento regresou ao pasado, recordando cos seus anfitrións vivencias daquela época para logo dar unha charla ante boa parte do alumnado na que aludiu á necesidade de que a mocidade "non debe poñer límites ás súas aspiracións". 

O conselleiro falou de empeño, de formación permanente, da paixón vocacional, da seriedade polo traballo e polo labor de equipo para conseguir que Galicia "teña futuro". De feito, asegurou que tales valores impregnan moitas das novas empresas tecnolóxicas galegas que coñeceu durante a súa etapa de conselleiro. 

Por iso, animou aos mozos que seguiron a súa charla a "non acomodarse nunca" e buscar constantemente novos retos. 

UN POUCO DE HISTORIA. O instituto Río Cabe, no que cursou os seus estudos o conselleiro e centos de mozos das comarcas de Lemos, Quiroga e Chantada, construíuse no ano 1965, momento o que os veciños destas zonas deixaron de estar obrigados a acudir a Ourense ou Lugo a facer o Bacharelato. 

O solar no que se enclava, na Rúa San Pedro, foi adquirido mediante unha subscrición popular entre os monfortinos que se prolongou dous anos, de l963 a 1964. Unha vez conseguido o diñeiro necesario para a súa compra e formalizada esta, o Ministerio de Educación e Ciencia iniciou a súa construción. O curso 1964/1965 foi o primeiro ano do seu funcionamento, con capacidade para 400 estudantes. 

No ano 1972, o edificio do instituto ampliouse, para chegar a dispor dos algo máis de 8.000 metros cadrados cos que conta na actualidade.

CAMBIOS. A partir dese ano, as instalacións sufriron poucos cambios, a maioría de índole interna, como o traslado de certos departamentos, como a biblioteca ou o salón de actos. 

Quizáis, unha das de maior calado a nivel organizativo foi acabar a principios dos anos 80, tras varias protestas estudantís, coa discriminación que existía á hora de acceder ao centro. A entrada principal estaba destinada para uso exclusivo dos profesores, mentres que unha lateral era para o alumnado. 

Outro cambio que sufriron estas instalacións educativas ocorreu durante o mandato do popular Nazario Pin Fernández, no período comprendido entre 1995 e 1999, cando a Xunta de Galicia decidiu construír un moderno pavillón polideportivo tanto para os alumnos deste centro como para os que cursaban estudos no próximo Daviña Rei.

A día de hoxe, varias agrupacións deportivas locais gozan desta instalación. 

Comentarios