Francia reforza os seus defensas e prepárase para unha multitudinaria manifestación de repulsa

O ministro francés do Interior, Bernard Cazeneuve, anunciou hoxe que se decidiu reforzar o actual dispositivo de protección antiterrorista Vigipirate con medios adicionais para protexer certas institucións e lugares de culto.

A decisión foi tomada ao termo da quinta reunión de crise do Executivo desde o atentado terrorista do mércores contra a revista Charlie Hebdo, que causou doce mortos, o asasinato dunha policía municipal o xoves e a dobre toma de reféns onte, que acabou con catro reféns mortos máis os tres secuestradores.

"Mantemos todo o despregamento dos últimos días e reforzámolo en certas institucións e lugares de culto", indicou Cazeneuve nunha breve comparecencia ante a prensa desde o Palacio do Elíseo, sede da Presidencia francesa.

O titular de Interior avanzou que o presidente, François Hollande, e o primeiro ministro, Manuel Valls, autorizaron xa un primeiro reforzo de 320 militares, cifra que se pode ampliar "nas próximas horas" segundo as necesidades.

"Estamos expostos a riscos. é importante reforzar Vigipirate", apuntou Cazeneuve, que esta tarde detallará os medios previstos para protexer a gran manifestación deste domingo en París, que se prevé masiva e na que os principais gobernantes europeos arrouparán a Francia en contra do terrorismo.

O ministro sinalou que se tomaron "todas as medidas" para que esa protesta reúna "as condicións de seguridade necesarias", e recalcou que os atentados dos últimos días e os riscos aos que se enfrontan Francia "e o resto de países da Unión Europea" requiren "unha vixilancia extrema".

O máximo nivel de alerta, en vigor na rexión parisiense de Ile-de-France desde o mércores e na de Picardía desde o xoves, implica un incremento da vixilancia das principais infraestruturas, así como de lugares e persoas con maior risco de sufrir un atentado.

NA PROCURA DE HAYAT BOUMEDIENNE

Aínda pasada a tormenta, a Policía francesa busca aínda a Hayat Boummedienne, de 26 anos, como suposta cómplice de atentados e a única sospeitosa que segue con vida.

Boummedienne era a compañeira de Amedy Coulibaly, de 32 anos, que onte mantivo secuestrados a 15 reféns nun supermercado de París, ademais de amiga do menor dos irmáns Kouachi.

Está considerada, xunto a Coulibaly, como a suposta autora material do asasinato a tiros o xoves en París dunha policía municipal francesa.

"Poden estar armados e son perigosos", sinalou a policía francesa onte ao emitir unha alerta sobre ambos, antes de que Coulibaly fose abatido polas forzas de elite no supermercado Cacher onde tomara reféns.

Boummedienne, que utiliza o veo integral desde 2009, casou nunha cerimonia relixiosa en 2009 co suposto yihadista, con quen aparece retratada nunhas fotos publicadas polo diario Le Monde, nas que pousa cunha ballesta.

Comentarios