Foz trasladará as aves da aula de natureza a unha leira privada de Vilaronte

Javier Castiñeira (Foto: José Mª Álvez)
photo_camera Javier Castiñeira (Foto: José Mª Álvez)

O alcalde de Foz, Javier Castiñeira, anunciou onte que o Concello procederá a trasladar as especies silvestres que habitan na aula de natureza situada no porto da localidade a unha leira privada na parroquia de Vilaronte.

O popular explicou que esta medida é necesaria para seguir coa tramitación que converta as instalacións nun núcleo zoológico e así evitar a orde de peche decretada pola Consellería de Medio Rural o pasado mes de xullo. O peche, con todo, nunca chegou a facerse efectivo, posto que a Administración permitiu ao Concello que as mantivese abertas mentres intentaba legalizar o recinto.

Unha das causas que levou a Medio Rural a actuar foi o feito de que alberga especies como o ñandú ou o faisán venerado que se atopan en perigo de extinción. «O recinto será repoboado con especies máis comúns como cisnes o patos», explicou Castiñeira.

Pubs

Por outra banda, o rexedor confirmou que desde o Concello continúan coa tramitación da orde de precintado sobre os tres pubs da rúa Rego de Foz que o pasado fin de semana non cumpriron a orde de peche cautelar ordenada polo Concello.

Castiñeira tamén quixo saír ao paso dalgunhas declaracións dos propietarios nas que aseguraban que a notificación lles foi entregada ás once da noite, aclarando que «a tarde do venres estivose intentando localizalos pero non foi posible, polo que se optou por acudir á hora de apertura dos locais para facer a notificación». «A intención dos propietarios era non estar localizados para non ter que pechar os locais durante a fin de semana», engadiu.

O alcalde tamén indicou que os propietarios se achegaron ao consistorio para falar con el e que xa están a empezar a tramitar o inicio das obras que están obrigados a acometer para poder reabrir as portas. Ademais, dous dos afectados xa anunciaron que esta mañá presentarán as alegacións correspondentes á orde de peche.

Comentarios