Foz inclúe o millón para Gestagua no orzamento

O Concello solicitou prórroga para pagar e recortará no plan de emprego e festas
Depuradora de Foz
photo_camera Depuradora de Foz

A xunta de portavoces do concello de Foz reuniuse este martes para analizar o orzamento municipal para este ano, que está condicionado polo pago de 1.078.000 euros que o Concello debe á empresa concesionaria do servizo municipal de auga Gestagua. Esta débeda está ratificada polo Tribunal Supremo e deberíase abonar antes do 10 deste mes. Para poder facelo, o Concello pediu ao xulgado unha prórroga de tres meses que é o prazo no que se elaborará o orzamento, que é o xeito legal de xerar crédito para pagar. O alcalde, Javier Castiñeira, manifestou que "o clima na xuntanza foi moi bo e todos os grupos entenden que hai que darlle prioridade a este pago, para o que o Concello ten liquidez".

Castiñeira indica que o diñeiro a pagar deberase descontar dunha serie de partidas incluídas no orzamento deste ano, cuxo borrador estaba pactado cos grupos da oposición e que ascenderá a 7,3 millóns de euros. No entanto, o alcalde espera que estas partidas se poidan recuperar co remanente de 2016. Aos portavoces entregóuselles documentación coas existencias de diñeiro do Concello, execución da sentenza, petición da prórroga ao xulgado, borrador dos orzamentos pactados e informe sobre a débeda realizado por Eptisa.

Castiñeira indica que, en principio, acordouse sacrificar partidas como a dedicada ao Plan de Emprego, Plan Verán, e recortes en partes dalgunhas partidas dedicada a enerxía eléctrica e gasóleos; fondo de continxencia e festas "todo isto supera o millón de euros que hai que pagar", di o alcalde. A corporación espera "poder repor antes do verán estas partidas coa axuda do remanente do 2016", indica Casrtiñeira.

POSTURA DA OPOSICIÓN. Desde o PSOE, o seu portavoz, Chema Linares, manifesta que incluír o pago no orzamento "era a única opción posible e parécenos moito mellor que facelo vía canon dunha nova concesión por exemplo". Con todo, o PSOE seguirá apostando pola municipalización do servizo unha vez que termine a concesión "tal e como vén facendo na maioría dos municipios de España", apuntou Linares.

Desde o BNG, Lorena Seivane explicou que "hai unha sentenza firme, unha débeda que pagar e uns prazos que cumprir, outra cousa é que despois sexa nacesario buscar responsabilidades políticas e empresariais". Juan Riveiro, de Foz Plataforma de Futuro, recordou que esta era a única forma de afrontar un debe con intereses que superan os 100.000 euros.

Comentarios