A Fonsagrada promociona en Londres os seus produtos e os seus atractivos turísticos

O Concello fonsagradino, cárnicas locais e unha adega de Negueira participaron nunha feira de gastronomía

O Concello da Fonsagrada e varias empresas da comarca participaron recentemente nunha feira de promoción turística e gastronómica que se celebrou en Londres.

O evento, Galician Gourmet Extravaganza, celebrouse no hotel Meliá White House da capital británica. Tiña como obxectivo ofrecer unha mostra de produtos gastronómicos selectos de Galicia, para promovelos entre os consumidores, distribuidores e restauradores do Reino Unido e fomentar así a súa exportación.

A comarca fonsagradina estivo representada polas cárnicas Buenavista e Castelao, da Fonsagrada, e pola adega Panchín, de Negueira de Muñiz.

Destacou a presenza do Concello da Fonsagrada, o único lucense que acudiu a título individual. O goberno local aproveitou a feira para promover os recursos turísticos do municipio, co obxectivo de atraer visitantes. O seu espazo de exposición serviu tamén para dar a coñecer os produtos da zona e facilitar a súa distribución entre as persoas que acudiron ao evento.

O tenente de alcalde, José Ángel Fernández Carrín, valorou as posibilidades que ofrecen este tipo de escaparates para dar a coñecer os valores e atractivos turísticos do municipio e confía en que pronto se perciban os resultados.

Explicou que nesta ocasión unha empresa organizou a presentación dos produtos da comarca en Londres, pero non descarta que en próximas edicións poidan acudir tanto produtores locais como representantes municipais para participar nos actos de difusión que se organicen.

O evento Galician Gourmet Extravaganza deixoulles bo sabor de boca aos británicos e en breve poderán gozalo tamén os suízos, pois a próxima edición está prevista para o día 12 de decembro en Zúric.

Nas degustacións de produtos que se organizaron en Londres houbo tamén outros sabores lucenses, ademais dos fonsagradinos. A través de Terras da Mariña chegaron a Londres as fabas de Lourenzá, Torre de Nuñez levou os xamóns e embutidos lucenses, González Jamones fixo o mesmo cos do Corgo, Magus presentou o queixo de San Simón e os armadores de Burela levaron a través de Absa o sabor a mar da costa lucense.

No evento londiniense participaron tamén organismos oficiais, como a Deputación da Coruña ou a Xunta de Galicia, a través das consellerías de Medio Rural e de Mar.

Comentarios