A Fonsagrada levará aos tribunais o trazado da liña Boimente-Pesoz

Vecinos de A Fonsagrada, en un reunión para informarse del proyecto eléctrico. (Foto: AEP)
photo_camera Vecinos de A Fonsagrada, en un reunión para informarse del proyecto eléctrico. (Foto: AEP)

O goberno local da Fonsagrada está disposto a chegar aos tribunais para variar o trazado da liña Boimente- Pesoz, se non prospera o recurso de alzada que interpuxeron ante o secretario de Estado de Enerxía para impedir que se execute a obra.

Tal como adiantou o alcalde, Argelio Fernández Queipo, se a principios de 2012 non teñen resposta están decididos a ir a un contencioso, que debería resolver a Audiencia Nacional por afectar a dúas comunidades, Galicia e Asturias. «Estamos totalmente en contra do trazado actual da liña. Consideramos que se está a cometer unha inxustiza e imos defender os nosos intereses alí onde faga falta», afirma.

O rexedor fonsagradino asegura que «xa temos todo preparado para levar o tema aos tribunais se fose preciso», un extremo que tamén apoiarían os responsables dos concellos mariñáns polos que atravesa a vía e o colectivo Camín Grande, que aúna a máis de 200 veciños afectados de Galicia e Asturias.

Todos eles mostraron desde un principio o seu rexeitamento ao trazado previsto para o tendido ao entender que dana os seus intereses económicos e patrimoniais, e reclaman unha localización alternativa que resulte «menos lesiva».

A pesar da oposición de numerosos veciños, grupos ecoloxistas e gobernos locais de todas as ideoloxías, o certo é que o proxecto da liña de alta tensión entre Boimente e Pesoz segue avanzando. De feito, tras conseguir a declaración de impacto ambiental favorable por parte do Ministerio de Medio Ambiente, o proxecto recibiu tamén a pertinente autorización administrativa de Industria. A autorización recolleuse xa no Boletín Oficial do Estado do pasado 21 de setembro.

O proxecto desta liña de alta tensión foi encargado polo Goberno a Rede Eléctrica de España (REE) para emendar as deficiencias do sistema eléctrico na cornixa cantábrica. A eléctrica prevé construír un tendido de 400 kilovoltios e 180 quilómetros de percorrido entre a subestación eléctrica de Boimente, en Viveiro, e a localidade asturiana de Pesoz.

Segundo o percorrido previsto, a liña atravesará os municipios lucenses de Viveiro, A Fonsagrada, Ourol, O Valadouro, Alfoz, Foz, Barreiros, Riotorto, Lourenzá e A Pontenova.

PROXECTO
Unha saída polémica á enerxía eólica da comunidade

A liña de alta tensión entre Boimente e Pesoz -contemplada na planificación estatal prevista ata 2016- preséntase como unha obra «crave» para a evacuación da enerxía eólica do norte das provincias da Coruña e Lugo cara a Asturias. E é que pola subestación de Boimente, en Viveiro, sae á rede eléctrica a cuarta parte de toda a potencia operativa de Galicia. A posta en marcha deste tendido permitiría, ademais, dar apoio en caso de fallos nas liñas de menor capacidade dos municipios próximos.

Críticas e temores

Os municipios lucenses e asturianos que quedarán atravesados pola liña de alta tensión levan anos loitando en contra do trazado previsto. Critican que o tendido traza «unha curva incomprensible» para acabar pasando a menos de 200 metros dalgúns núcleos de poboación e danando explotacións gandeiras, elementos patrimoniais e lugares de interese comunitario. Por se isto fose pouco, e aínda que o proxecto de Rede Eléctrica de España superou con éxito os estudos de impacto ambiental, os veciños temen posibles efectos negativos sobre a saúde desta liña «tan próxima e con semellante voltaxe».

Comentarios