Fomento non adxudicou aínda a obra da N-642 e deben executarse 328.000 euros en tres meses

Fontes do ministerio explican que só están pendentes de "algúns trámites" para formalizar o contrato dos traballos. O primeiro tramo sobre o que se actuará será o correspondente a toda a zona de Mañente, a variante de Foz e Fazouro
Estado de la N-642, a su paso por Foz
photo_camera Estado de la N-642, a su paso por Foz

O proxecto de execución das obras de mellora da Estrada da Costa continúan sen adxudicarse de forma definitiva. Si o están provisionalmente, segundo fontes do Ministerio de Fomento, que explicaron que están xa orzadas, licitadas e adxudicadas provisionalmente, aínda que apuntan que "están pendente unicamente de completar algúns trámites para formalizar o contrato". As súas previsións son que as obras comecen a executarse ao longo do presente mes de outubro.

Os traballos contan cun orzamento total de 1.209.481 euros que terán que executarse nun prazo de dous anos. A maior parte do orzamento atópase na anualidade correspondente a 2016, con 881.110 euros. Isto significa que a empresa adxudicataria terá tres meses para executar 328.000 euros ao longo deste ano. Desde o Ministerio de Fomento explican que a obra consiste "na rehabilitación estrutural do firme en varios tramos desta estrada nacional, especialmente desde Foz ata pasar a localidade de Burela".

Actuarase en tres fases diferentes. A primeira delas coincidirá co tramo no que o viario se atopa en peores condicións que é toda a zona de Mañente, a variante de Foz e o núcleo de Fazouro. Son zonas que foron obxecto de numerosas queixas por parte dos usuarios porque a estrada está tan deteriorada nalgunhas zonas que o asfalto acabou case por desaparecer.

O segundo tramo no que se actuará, segundo o proxecto, é o correspondente ao comezo da variante de Burela. Trátase dunha zona moi concreta, de 250 metros, que está moi desgastada.

O terceiro tramo é de 1,4 quilómetros e vai desde o final da variante de Burela ao núcleo de Daián, xa no termo municipal de Cervo.

En canto ás cuestións técnicas, Fomento avanzou que os traballos se centrarán fundamentalmente no fresado e reposición do firme coa eliminación parcial e reposición das capas do xa existente «que presentan deficiencias e deformacións». Nestes tramos, ademais, "selaranse gretas existentes e serán repostas as marcas viarias".

REME-VILAMAR. No apartado de estradas, esta semana estaba previsto que se iniciasen as obras de mellora da estrada Reme-Vilamar na súa parte máis próxima á localidade do municipio de Barreiros.

Comentarios