A Fiscalía pide 14 anos para Sinaí Giménez por unha liorta en Cangas

En total solicita penas que suman 35 anos de cárcere para 12 feirantes xitanos implicados na disputa

A Fiscalía pide unha pena de 14 anos de prisión para Sinaí Giménez pola súa implicación nunha liorta tumultuaria no mercadillo de Cangas o 16 de outubro de 2015 na que se viron implicados membros dos clans dos Morones e dos Zamoranos, que se golpearon mutuamente con barras de ferro. O ministerio público tamén pide cárcere, concretamente 10 anos e 6 meses, para a irmá de Sinaí, María Consuelo, e 3 anos e 6 meses para Enrique León, Javier Duval e José Luis Jiménez, estes últimos do clan dos Zamoranos.

En total, a Fiscalía formulou escrito de acusación contra 12 feirantes xitanos (sete deles do coñecido como clan zamorano, e outros cinco dos 'morones'), aos que considera autores de diversos delitos de lesións, e para quen pide penas que suman 35 anos de prisión e máis de 17.000 euros en multas.  Segundo o informe do ministerio público, o 16 de outubro de 2015, Sinaí J.G. iniciou unha discusión co acusado Enrique L.S. porque este instalara o seu posto de venda no mercadillo de Cangas ocupando dous metros máis de extensión. A nai de Sinaí, Flora J.G., tamén lle recriminou esa actuación e foi golpeada coa tarima do posto nun costado.

A partir de aí iniciouse unha liorta con golpes de barras de ferro, empuxóns e outros ataques, na que se implicaron máis dunha decena de persoas, entre elas os 12 acusados, e outros familiares dun ou outro bando que acudiron a auxiliar aos feridos e que foron, á súa vez, golpeados. Como consecuencia da multitudinaria pelexa, resultaron feridos de diversa consideración varios feirantes, tanto do clan zamorano como da familia dos 'morones'. A Fiscalía atribúe aos acusados diferentes delitos de lesións.

No caso dos zamoranos, o ministerio público pide para Enrique L.S., Javier D.G., e José Luis J.E., tres anos e medio de prisión para cada un. Ademais, para estes e os outros catro acusados deste clan (Luis L.S., Felipe S.J., Faustino J.B., e Manuel Jesús J.B.), pide multas que suman 8.100 euros, e que indemnicen aos feridos do 'bando' contrario en máis de 7.000 euros.

Por parte dos 'morones', a Fiscalía solicita condenas que suman 24,5 anos de prisión. A maior pena, de 14 anos de cárcere, pídea para Sinaí J.G.; mentres que reclama 10,5 anos de cárcere tamén para a súa irmá María Consuelo J.G..  Para estes e o resto de acusados (María Amelia C.M., Miguel Ángel V.B., e Rafael F.G.) reclama multas que suman 9.000 euros, e que indemnicen aos zamoranos en máis de 20.700 euros.

Comentarios