A firma Innolact introduce o queixo crema chairego en máis de 30 países

Rosa Quintana visitou a planta de Castro, que pechou 2014 con vendas por 6,8 millóns
Visita de Rosa Quintana a la empresa de Castro de Ribeiras de Lea
photo_camera Visita de Rosa Quintana a la empresa de Castro de Ribeiras de Lea

A firma Innolact, que naceu en Castro de Ribeiras de Lea en 2006, pechou 2014 cunha cifra de negocio de 6,8 millóns de euros e un 40% de exportación, a través da que introduciron o queixo crema chairego en máis de 30 países repartidos polos cinco continentes.

A conselleira de Medio Rural e do Mar da Xunta, Rosa Quintana, realizou unha visita este martes polas instalacións desta planta, unha empresa "punteira" que "é a demostración de que se pode traballar dende Galicia", dixo, mentres destacou o seu valor ao "desenvolver e darlle un valor engadido a un produto como é o leite".

Quintana, que estivo acompañada pola delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias; o alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado, e outros empresarios, puxo a Innolact como "bo exemplo" da posta en práctica das axudas da Xunta a investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios e comerciais e recordou que a administración galega destinou 8,6 millóns a este fin este ano.

"É moi satisfactorio ver que se aposta por este modelo e que se dan oportunidades ao sector lácteo", indicou o director adxunto de Innolact, Carlos López, que asegurou que o queixo crema que producen en Castro compite cos "grandes monstros" das multinacionais.

Innolact, que comercializa o seu produto a través da marca Quesscrem, comezou a súa actividade produtiva en 2007 e hoxe conta con 40 empregados. En 2014, logrou a máxima clasificación do xurado do International Taste and Quality Institute e un recoñecemento como empresa revelación por unha publicación económica. O seu mercado segue crecendo e esta semana recibirán unha visita de italianos interesados no seu mascarpone.

Comentarios