Finalizada a restauración da igrexa do mosteiro

El prior, junto a la zona de la cubierta donde se realizaron las obras (Foto: Y.Q.U.)
photo_camera El prior, junto a la zona de la cubierta donde se realizaron las obras (Foto: Y.Q.U.)

As obras de rehabilitación da cuberta da igrexa do mosteiro benedictino de Samos finalizaron tras tres meses de reformas e un orzamento de 326.000 euros. As tarefas de restauración centráronse en solucionar os problemas de pingueiras e filtracións que sufría a cuberta do templo e que ocasionaban danos nos retablos.

Os traballos consistiron na substitución da lousa na zona da nave central, o cruceiro, a capela maior, a bóveda e os laterais da igrexa. Ademais, dotouse a zona dunha membrana impermeabilizante. Pola súa banda, na cúpula retirouse o morteiro e colocouse un novo, segundo explicou o prior do mosteiro, José Luís Vélez. Tamén se recolocaron varios sillares desprazados «por mor dos terremotos». «Podíase meter a man entre os sillares, pois algún tiña unha separación de ata quince centímetros», apuntou o monxe.

Orzamento. As obras, que comezaron no mes de abril, foron executadas por unha ducia de traballadores da Ute Innova Alcar Samos. O custo da rehabilitación foi de 326.000 euros, dos cales o Ministerio de Fomento, tras un acordo co Concello de Samos, achegou o 75 por cento (245.000 euros) con cargo aos fondos do 1% Cultural. A cantidade restante correu a conta da comunidade benedictina.

Para a execución das obras, o Concello asinou un convenio coa abadía, en base ao cal esta se compromete a abrir no seu interior un museo con entrada gratuíta para os veciños do municipio samonense.

  • Restauración das vidreiras

Entre outros traballos realizados, no cruceiro desmontáronse parte das vidreiras, pois se atopaban moi danadas, e restauráronse en cristal e chumbo, sinalou o prior. Ademais, unhas 40 fiestras substituíronse por outras fabricadas en madeira de castiñeiro. No caso das situadas nas naves laterais, cambióuselles a carpintería.

  • Traballo complexo

Ante a dificultade de acceso a algunhas das vidreiras, a empresa adxudicataria dos traballos tivo que instalar dúas grandes estadas.

A comunidade benedictina conta nun futuro próximo seguir reformando outras zonas do mosteiro que se atopan en mal estado, para o que necesita fondos.

Comentarios