A filla extramatrimonial dun empresario galego recibirá a súa herdanza tras obter o ADN do seu tío

O pai, fincado en Suíza, negábase a realizar a proba de ADN e un detective logrou unha mostra dun vaso de tubo que utilizara o seu irmán nun bar

Unha sentenza do xulgado de primeira instancia número 2 da Coruña dará unha herdanza millonaria a unha filla extramatrimonial tras unha proba de ADN realizada sen coñecemento do demandado, un empresario galego que fixo fortuna en Suíza.

O xulgado emitiu o pasado 17 de xullo unha sentenza, remitida a Efe polo letrado Fernado Osuna, que conclúe que a demandante "é filla non matrimonial (do demandado), con todos os efectos xurídicos que diso se deriven".

O fallo do xuíz recorda que o pai recoñeceu "a paternidade reclamada" durante todo o proceso, aínda que se negou a realizar a proba de ADN. A demandante presentou unha proba realizada cunha mostra dun vaso de tubo que utilizara nun lugar público un irmán do seu pai biolóxico.

Esta apuntou a un parentesco tío-sobriña dun nove por cento, o que implica que o demandado ten máis dun noventa por cento de probabilidades de ser o pai.

O bufete Osuna explica, a través dun comunicado, que a demandante intentou ser recoñecida varias veces, pero sempre obtivo a negativa a pesar de que posúe numerosas cartas e fotografías que proban tal relación. Segundo o letrado, esta sentenza dará acceso á filla a unha herdanza millonaria, pois explica que o pai é "un empresario galego que fixo fortuna en Suíza".


Os datos facilitados por este letrado apuntan a que polo menos corenta galegos reclaman a súa paternidade pola vía xudicial, polo que o habitual é que un detective, como foi este caso, busque restos de ADN en lugares públicos. 

Comentarios