Fidel Castro pregúntase se España tamén será bombardeada pola OTAN polas protestas

O expresidente de Cuba Fidel Castro preguntouse hoxe en ton irónico se España tamén será bombardeada por mor das manifestacións do chamado Movemento 15-M, nas que miles de persoas demandan democracia real e critican á clase política española.

"¿Que pasará en España onde as masas protestan nas cidades principais do país porque ata o 40 por cento dos mozos están desempregados, para citar só unha das causas das manifestacións dese combativo pobo? ¿É que seica van iniciarse os bombardeos a ese país da OTAN?", pregunta o líder cubano nun artigo divulgado este luns na web Cubadebate.

Co titulo A insostible posición do imperio, a última das Reflexións de Fidel
Castro -"improvisada" segundo indica- alude ao discurso que pronunciou hoxe o presidente de Estados Unidos, Barack Obama, sobre Oriente Medio.

Segundo o líder cubano, de 84 anos, Obama non é dono da situación, "só manexa algunhas palabras importantes" e son o Pentágono e a CIA quen concentran o "poder imperial".

"A estas alturas, logo de 228 anos da Declaración de Independencia, o Pentágono e a CIA conservan os instrumentos fundamentais do poder imperial creado: a tecnoloxía capaz de destruír ao xénero humano en cuestión de minutos, e os medios para penetrar esas sociedades, enganalas e manipulalas impúdicamente", escribe o expresidente cubano.

Con todo, Fidel
Castro non entra a analizar o discurso de Obama porque no momento de escribir a súa Reflexión aínda non se divulgou a "bendita versión oficial en español" do mesmo, segundo reseña ao final do seu artigo.

Comentarios