Festín ofensivo de España no Eurobasket

A selección española deuse un festín ofensivo, congraciouse coas porcentaxes de tiro e clasificouse para a segunda fase ao derrotar a unha Polonia descoñecida, desaparecida e en fuga por 53-89.

O partido acabou case antes de comezar, cando no minuto 4 tras un 0-8 de parcial o adestrador dos polacos, o alemán Dirk Bauermann decidiu cambiar aos seus dous pivotes titulares, a NBA Marcin Gortat e o novo barcelonista Maciej Lampe, por inoperancia, falta de garra e aparente desinterese.

O pequeno desastre de comezar tan mal se converteu nun tsunami que arrasou aos polacos. O 5-25 de final do primeiro cuarto e o 13-49 ao descanso é pouca cousa comparada coa imaxe de desidia, de poucas ganas e coa nulidade operativa que demostraron en pista uns xogadores polacos que facilitaron o traballo da activa defensa española e dos tiros exteriores.

Tres canastras de 19 intentos e 1 de 7 triplos é toda a bagaxe polaca tras vinte minutos de xogo, para completar a peor anotación dun equipo ao descanso nun campionato de Europa logo de 52 anos. Só Suecia, que anotou 11 puntos antes de irse aos vestiarios ante Turquía (30-11) no ano 1961, fíxoo peor.

O equipo español, pola contra, aproveitou as facilidades e regalouse unhas boas porcentaxes no tiro -que xa os estaba necesitando- para aumentar a súa moral. Dez de 16 (63%) en tiros de dous e 7 de 15 en triplos (47%) foi a colleita recolleita, con Sergio Rodríguez especialmente fino (3 de 4 triplos) e Rudy e Marc Gasol como máximos anotadores, dez puntos cada un.

Víctor Claver sufriu un pequeno contratempo xa que se lle saíu un dedo e foi rapidamente ao banco. A lesión, aínda que dolorosa, non debe ter maiores consecuencias.

O paso por vestiarios non cambio demasiado as cousas, saíron as segundas unidades de ambos os equipos e o único interese foi ver os algarismos finais e a vantaxe resultante.

Ao final do terceiro cuarto, 30-76 e do tempo regulamentario, 53-89. Descanso para os máis habituais e minutos para todos. Polonia, que intentou maquillar o resultado, quedou eliminada e España conseguiu o billete para a segunda fase. Non houbo máis historia.

FICHA TÉCNICA
53 - Polonia (5+8+17+23):
Kelati (7), Lampe (10), Szubarga (2), Gortat (2) e Koszarek (6) -equipo inicial-, Karnowski (3), Zamojski (11), Chylinski, Ponitka (7), Ignerski (4), Waczynski e Hrycaniuk (1).

89 - España (25+24+27+13): Aguilar (2), Rudy (13), Calderón (9), Ricky (15), e Gasol (15) -equipo inicial-, Rodríguez (11), Rei (12), Claver, Llull (3), San Emeterio (4), Gabriel (5) e Mumbrú.

Árbitros: Olegs Latisevs (LET), Petar Obradovic (BIH) e Chris Dodds (GBR). Sen eliminados.

Incidencias: Partido correspondente á cuarta xornada do grupo C da primeira fase do Europeo 2013 disputado na Area Celje desta localidade eslovena ante 2.200 espectadores. Gardouse un minuto de silencio polas vítimas no accidente de autocar dun equipo húngaro feminino de baloncesto.

Comentarios