"Unhas xornadas de máxima afluencia para a localidade"

A Festa da Troita mellora as capturas e atrae a cañistas de toda España

Guillermo Cortés gañou en lance e Alberto López fíxoo en Mosca Seca, aínda que este ano non se pescou ningún salmón ► Cañistas de Palencia, Burgos ou Santander acudiron a participar nun evento que mantén todo o seu tirón
Pesaje de las truchas, en A Pontenova
photo_camera Pesaje de las truchas, en A Pontenova

A Festa da Troita da Pontenova agarda xa a unha nova edición que non será unha calquera, porque a de 2018 será o número 40. A deste ano tivo noticias máis ou menos boas para os pescadores, que se atoparon con que capturaron un maior número de exemplares aínda que, por outra banda, o tamaño dos mesmos foi inferior ao de edicións anteriores.

O presidente do Centro de Iniciativas Turísticas (CIT), Francisco Rois, coñecido popularmente como Taracho, mostrábase moi satisfeito "porque ó final todo saíu ben, non houbo ningún tipo de problema e o certo é que se desenrolou a festa e o concurso sen problemas". Destacou a participación de pescadores chegados de numerosos lugares, algúns moi afastados como Burgos, Palencia ou Santander. Tamén acudiu a selección campioa mundial de pesca en Finlandia.

RESULTADOS. En canto aos resultados desta edición no apartado de mosca seca, que é sen morte, mostráronse as evolucións técnicas deste apartado que son moi numerosas. O gañador foi o ferrolán Alberto López. En segundo lugar quedou o campión do mundo David Arcay; en terceiro Luis Sandamil e en cuarto o tamén campión do mundo Jordi Oliveras. A peza de maior tamaño levouna Edelmiro López e medía 57 centímetros.

En lance gañou Guillermo Cortés de Betanzos. En segundo lugar quedou Carlos Castedo de Viveiro e o terceiro foi o veciño da Pontenova Manuel Lodos.

Un dos apartados negativos da xornada, e en certo xeito sorprendente, foi que non se capturou ningún salmón, algo que non entraba na axenda da organización polas perspectivas que se xeraron con eles.

Taracho explicou que á primeira hora da mañá, ao comezo do concurso, picou un pero, na loita co cañista, impúxose o peixe que logrou zafarse.

Todo iso reflicte que as troitas se manteñen e que o río polo menos non avanza na deterioración no que parecía caer hai anos. Agora só queda ir afrontando xa a cuadraxésima edición.

Comentarios