Fernández de Sousa asegura que non se presentará á reelección no Consello

O expresidente de Pescanova, Manuel Fernández de Sousa, remitiu unha carta aos accionistas na que lles pide desculpas polos erros de xestión e anuncia que non se presentará á reelección, nin sequera como conselleiro.

Ademais, recalca que non apoiará nin proporá a reelección de ningún dos conselleiros saíntes, agrega na carta, á que tivo acceso Efe.

O ex presidente do grupo apunta que, na súa opinión, o resto dos membros do Consello de Administración saínte debería adoptar "unha actitude responsable" e renunciar a volver presentarse como candidatos a ser novamente elixidos como conselleiros da sociedade.

"Todos, en maior ou menor medida, cometemos erros e a asunción humilde dos mesmos é un acto de respecto e coherencia con todos os accionistas de Pescanova", segundo De Sousa.

"É a miña recomendación, e será a orientación do meu voto, que o Consello de Administración novo de Pescanova conte con persoas que coñezan esta industria e poidan preservar o maior valor dos activos e a compañía", agrega.

Ao seu xuízo, a complexidade do proxecto construído aconsella que non sexa posto en mans dun Consello de Administración que teña que empezar de cero para entender o sector onde opera.

"Eu sempre estarei a disposición do Consello de Administración entrante, na medida en que poida ser de utilidade. Non só porque é o meu deber, senón porque Pescanova foi ao que dediquei a miña vida e a miña ilusión empresarial", engade.

Para o seu expresidente, Pescanova "é viable, e o seu futuro, cos investimentos xa efectuados, pode ser excepcionalmente próspero para os seus accionistas, traballadores e demais entes colaboradores", tanto en España como en todos os países onde opera.

Sobre a súa responsabilidade na crise da multinacional española, indica que, logo de 38 anos na xestión da firma e tras exercer a presidencia executiva durante a maior parte deles, debe "asumir con gran pesadumbre e en primeira persoa" a situación en que hoxe se atopa Pescanova.

"Debo neste momento pedir desculpas por todo aquilo no que a miña xestión foi errada e inadecuada", remarca.

"Non importa que haxa acertos nestes 38 anos, cando o final non foi o que debese ser; non hai campo para as xustificacións, senón tan só para as desculpas e iso é o que debo facer e fago", continúa.

Por iso, asegura que, "en acto de consecuencia, decidín presentar a miña dimisión irrevogable como presidente do Consello de Administración" e "propor o meu cesamento como conselleiro xunto co do resto dos membros do Consello de Administración".

"Esta decisión vai inexorablemente asociada á de non presentarme á reelección como presidente, e a pesar dos apoios recibidos apoios, que agradezo, tampouco me presentarei para ser elixido nin sequera como conselleiro", recalca.

Pescanova "sufriu nos últimos meses un menosprezo, tremendo e sen parangón ao labor realizado polos máis de 11.000 traballadores que ten; traballadores que foron o alicerce do gran proxecto hoxe construído para España e con presenza en todo o mundo", considera.

Para De Sousa, "ese inxusto menosprezo non é nin merecido, nin consecuente coa realidade de Pescanova, tanto pola súa relevancia no sector como polo acertado da súa estratexia industrial".

Comentarios