Ferido grave o condutor dun quad que chocou contra un camión en Carballeda de Valdeorras

A vítima tivo que ser trasladada no helicóptero medicalizado do 061 a un centro hospitalario

Unha persoa resultou ferida de gravidade na tarde deste luns tras chocar o quad que conducía contra un camión no municipio ourensán de Carballeda de Valdeorras. Segundo a información da Central de Atención a Urxencias 112-Galicia, o suceso ocorreu ás 17.00 horas no quilómetro 3 da estrada OU-0802, ao seu paso pola parroquia de Robledo.

Ata a zona desprazáronse efectivos da Garda Civil de Tráfico, dos Bombeiros de Valdeorras, do GES de Valdeorras e da Policía Local do Barco. Así mesmo, desprazouse o helicóptero medicalizado do 061 con base en Ourense, que trasladou ao ferido a un centro hospitalario.

O CARBALLIÑO. Por outra banda, outras dúas persoas resultaron feridas nun accidente de tráfico rexistrado no municipio do Carballiño, despois de que o vehículo no que viaxaban saísese da vía e envorcase na N-525, á altura do pobo de Viduedo. A chamada de alerta recibiuse sobre as 17.30 horas e no operativo foi necesario liberar ás dúas vítimas, que quedaran atrapadas no interior do turismo. O 061 trasladou aos feridos a un centro hospitalario.

Comentarios