Felipe Massa anuncia a súa retirada da F1

En Abu Dabi, o piloto completará a súa 15ª tempada con preto de 300 grandes premios disputados ao longo da súa carreira

O piloto brasileiro Felipe Massa, da escuadra Williams, anunciou a súa decisión de retirarse da Fórmula Un ao termo da presente tempada. Nun comunicado remitido pola súa escuadra, Massa asegurou que a súa "carreira na Fórmula Un terminará definitivamente en 2017".

"Todo o mundo sabe que, tras anunciar a miña retirada o pasado ano, aceptei regresar para axudar a Williams. Gocei de catro anos marabillosos co equipo, pero a miña carreira na Fórmula Un terminará definitivamente ao termo desta tempada", dixo o piloto de Sao Paulo, de 36 anos.

"Esta vez é de verdade", afirmou Massa nun vídeo divulgado nas súas redes sociais

Massa participará  nos dous últimos Grandes Premios —Brasil e Abu Dabi— e despois abandonará a Fórmula Un.

O piloto xa tivo unha primeira tentativa de retirada o ano pasado, pero tras unha negociación coa súa escuadra decidiu dar marcha atrás á súa decisión e disputar unha tempada máis na máxima competición de automobilismo.

"Quería agradecer a toda a afección todo o agarimo, todo o apoio da miña familia, dos meus amigos e patrocinadores, todo os agarimos de todos vostedes que me apoiaron durante todo este tempo", expresou. No entanto, Felipinho non pecha as portas a seguir noutros torneos de automobilismo xa que pediu aos seus seguidores que lle sigan apoiando "noutras categorías e noutros campionatos no futuro".

INICIOS. Massa comezou no equipo Sauber Petronas, no que competiu durante tres tempadas e compartiu formación con pilotos como os alemáns Heinz-Harald Frentzen e Nick Heidfeld, o italiano Giancarlo Fisichella ou o canadense Jacques Villeneuve. En 2005, Massa pasou a Ferrari, onde foi compañeiro das sete veces campión mundial alemán Michael Schumacher na súa última tempada na escuadra italiana. Despois compartiu equipo co finlandés Kimi Raikkonen entre 2007 e 2009, e co español Fernando Alonso entre 2010 e 2013.

En 2014, o piloto brasileiro saíu da escuadra italiana para iniciar a súa etapa en Williams, que destacou a súa axuda para "asegurar o terceiro posto no Mundial de Construtores en 2014 e 2015 e a quinta posición en 2016". "Foi un absoluto pracer traballar con el (...). Admirámolo, pois sabemos que non foi unha decisión fácil para el retornar, logo de ter unha despedida tan emocionante como a do ano pasado. En nome de Sir Frank e de todo o equipo, desexamos o mellor para Felipe no seu futuro", indicou na nota Claire Williams, xefa principal da escuadra.

Comentarios