A Feira do Queixo de Monterroso inclúe o día 30 dous talleres de cociña

Estarán a cargo da subcampioa de Masterchef Júnior 4 e a chef da Parada das Bestas
Pablo Taboada, Miguel Rico y Xosé Luís Carrera, este viernes en Monterroso
photo_camera Pablo Taboada, Miguel Rico y Xosé Luís Carrera, este viernes en Monterroso

A vixésima quinta edición da Feira do Queixo da Ulloa, que se celebrará en Monterroso o próximo 30 de abril, inclúe no seu programa dous talleres de cociña, un para nenos e outro para adultos, nos que o queixo desta denominación de orixe será o principal protagonista.

O taller dirixido aos máis pequenos terá lugar ás 16.00 horas e será impartido por Paloma, a subcampioa do concurso televisivo Masterchef Júnior 4. Pola súa banda, a clase de cociña para adultos está programada para as 18.30 horas e estará dirixida por María Varela, chef do restaurante A Parada das Bestas e premio Alimentos de España á Restauración 2013.

O pregón desta edición da feira será a cargo do presentador do programa Larpeiros Adrián Díaz, e terá lugar ás 13.00 horas. Monterroso recupera así a celebración da Feira do Queixo da Ulloa, que logo de celebrarse ininterrompidamente e de forma rotativa entre este municipio e os de Palas de Rei e Antas de Ulla, o ano pasado non tivo lugar, ao decidir este último Concello non asumir a súa organización.

A apertura da feira está prevista para as dez da mañá e ao longo do día haberá tamén actuacións musicais, como a da banda de gaitas de Falcatrueiros, prevista para o mediodía.

A charanga Km0 actuará ao longo da tarde polas diferentes rúas e bares da vila, ata que ás 20.00 horas prodúzase o peche oficial da feira.

A animación continuará, con todo, ao longo da noite, xa que ás 23.30 horas está previsto o inicio dunha verbena, amenizada pola Orquestra Cinema.

COLABORACIÓN. Durante o acto de presentación da feira, que tivo lugar onte en Monterroso, o alcalde desta vila, Miguel Rico, e o seu homónimo de Plas, Pablo Taboada, mostraron a súa predisposición a "colaborar de forma intensa" para facer da Feira do Queixo da Ulloa un auténtico escaparate "para facer comarca". Referíronse así á súa intención de aproveitar o evento para divulgar outros produtos de calidade da zona, así como para dar a coñecer os seus recursos turísticos.

Comentarios