martes. 26.10.2021 |
El tiempo
martes. 26.10.2021
El tiempo

A feira artesá de Outeiro de Rei incluirá paseos en '‘batuxo'’ polo Miño

Marisol Picón y José Pardo, este jueves junto al cartel de la feria
Marisol Picón y José Pardo, este jueves junto al cartel de la feria
A cita, que contará con 100 postos, celebrarase o 2 de xullo ► Repartiranse máis premios polas compras efectuadas

A feira de artesanía de Outeiro de Rei cumprirá o 2 de xullo dez anos de vida cun amplo programa de actos que, por primeira vez, incluirá paseos gratuítos en ‘'batuxo'’ polo Miño, para dar a coñecer esas barcas tradicionais. Ademais, con motivo desa décima edición, repartiranse máis premios polas compras efectuadas nos expositores. 

Presentaron o xoves este evento o alcalde, José Pardo, e a coordinadora da feira, Marisol Picón, quen indicaron que xa está confirmada a asistencia de 61 postos de artesanía e 16 de alimentación, polo que esperan alcanzar o día 2 o centenar de postos, que se instalarán no centro urbano. 

Eses novos paseos en ‘'batuxo’' ofreceranse de 16.30 a 18.30 horas no campo de Santa Isabel. Pardo destacou que pretende potenciar cada vez máis como reclamo turístico ese patrimonio vinculado ao río, con gran tradición en Outeiro de Rei. Nese sentido, recordou que hai medio século moitos veciños da parroquia de Cela vivían da pesca e era habitual ver estas barcas na canle fluvial.

Haberá de novo unha carreira solidaria e estrearase na feira a banda de música de Outeiro de Rei, Rábade e Begonte

Con eses paseos como atractivo a maiores, a feira arrincará ás 10.30 horas coa segunda edición dunha carreira popular de carácter solidario, promovida por Somos Unidos polo Cancro, que ampliará o seu percorrido dos seis aos dez quilómetros. 

A inauguración oficial do evento será ás 12.00 horas. Ata as nove da noite, os postos ofrecerán todo tipo de artigos artesáns e de alimentación. Como novidade, os visitantes que efectúen compras non só participarán no habitual sorteo de dez premios de 50 euros, ás 21.30 horas na caseta do Concello, senón que os propios expositores repartirán agasallos entre a clientela –polo menos dez por hora–. 

Entre os actos centrais estarán, novamente, as demostracións de oficios tradicionais. Haberá as das olerías de Bonxe –coa artesá local Pepa Lombao– Buño, Sober e Niñodaguia. Tamén participará o luthier de Outeiro de Rei Xaneco Tubío, entre outros artesáns. 

MÁIS ACTOS. O Concello, que dedica 50.000 euros ao evento, programou numerosos actos complementarios. Haberá desde talleres para todas as idades, demostracións de traballos forestais e unha concentración de coches clásicos ata rutas turísticas en bus e unha exhibición canina. Tamén haberá varias actuacións, entre elas a estrea na feira da banda de música de Outeiro de Rei, Rábade e Begonte.

A feira artesá de Outeiro de Rei incluirá paseos en '‘batuxo'’ polo...
comentarios