Feijóo ve unha ''nova etapa'' para Santiago, tamén para ''a próxima lexislatura''

O presidente da Xunta e líder do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, asegurou hoxe que o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, que será o próximo alcalde de Santiago, ofrecerá un "goberno estable" para este último cuarto de lexislatura e abrirá "unha nova etapa" tamén para "a próxima lexislatura municipal".

Hernández substituirá nos próximos días a Angel Currás como rexedor de Santiago tras a súa dimisión presentada onte e de que nos últimos días dimitisen nove dos trece concelleiros do grupo de goberno, sete deles condenados por prevaricación e outros dous imputados na operación Pokemon.

Á súa chegada ao Parlamento galego, onde hoxe se celebra sesión plenaria, Núñez Feijóo indicou que o alcalde saínte, o segundo que dimite na cidade nesta lexislatura, tras a renuncia de Gerardo Conde Roa, condenado por fraude fiscal, entendeu que "ante unha situación excepcional había que abrir unha nova etapa e facía falta unha solución excepcional".

Agradeceu, ademais, "a xenerosidade" de Agustín Hernández, "un home crave" do Goberno galego e que é santiagués (de residencia) desde hai anos e que coñece as infraestruturas das cidades, pola súa responsabilidade no Executivo autonómico.

Hernández ía na lista municipal dos comicios de 2011 como número 25, pechando a lista de forma simbólica.

O PP conseguiu a maioría absoluta neses comicios na capital de Galicia tras máis de 25 anos na oposición.

Comentarios