Feijóo, sobre Fernández-Couto: "As cousas fixéronse do xeito correcto"

BNG e En Marea piden o cesamento inmediato do director de Ordenación Forestal ► O PSdeG pide explicacións "convincentes"

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou este xoves, en relación á investigación ao director de Ordenación Forestal, Tomás Fernández Couto, que segundo lle comentan na Asesoría Xurídica considera que "as cousas se fixeron de xeito correcto" e mostrou a súa confianza en que "así se concrete".

"Tivemos dificultades para incrementar os medios entón e o director xeral considerou oportuno facelo por un procedemento e posteriormente houbo unha denuncia", sinalou o presidente galego en alusión á denuncia presentada por CIG, aínda que posteriormente foi a Fiscalía a que seguiu a causa.

"Non é novidade para o Goberno", insistiu Núñez Feijóo, que incluso asegurou que na comparecencia desta semana polos incendios forestais do pasado mes de outubro, que arrasaron case 50.000 hectáreas en dous días, xa o apuntou. "Xa sabiamos que levabamos meses con ese problema", insistiu o presidente galego, que incidiu en que é "moi difícil explicar á familia dun alto cargo que se vexa envolvida nos xulgados por intentar cumprir co que considera o seu deber", concluíu.

BNG E EN MAREA PIDEN O CESAMENTO. O BNG proporá a En Marea e PSdeG facer uso do mecanismo de que dispón a oposición para activar de forma automática unha comisión de investigación sen o apoio da maioría parlamentaria e encomendar a este órgano a análise da xestión da Xunta na vaga de incendios que arrasou Galicia o pasado mes de outubro.

Ana Pontón reiterou unha petición de cesamento "inmediato" que xa verbalizou por mor da vaga de incendios e que agora non só descansa en que a política forestal que levou a cabo ao longo de máis de 20 anos converteu o monte galego en "unha polvoreira".

Tamén En Marea esixiu o "cesamento inmediato" do director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto e a comparecencia urxente da conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, para que explique o proceso de adxudicación dos helicópteros contra o lume tras a imputación do alto cargo autonómico.

PSDEG. O portavoz de Agricultura do PSdeG no Parlamento, José Antonio Quiroga, esixiu á conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, que compareza de forma urxente no Parlamento para dar "explicacións claras e convincentes" sobre a imputación do director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto. Ao seu xuízo, "esta nova imputación acaba coa paciencia dos galegos e galegas, fartos da xestión imprudente e temeraria do goberno galego".

Comentarios