Feijóo: ''Non sei se Currás terminará a lexislatura, é a súa decisión''

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, insistiu hoxe en que ata onde el sabe o nomeamento do exalcalde de Santiago e concelleiro nesa cidade Ángel Currás como delegado en Galicia de Tragsa non se vai producir e indicou que descoñece se terminará a lexislatura como edil na capital galega xa que é algo que lle compete a el decidir.

"Non sei se Currás terminará a lexislatura, é a súa decisión", respondeu tras o Consello da Xunta a varias preguntas sobre o futuro do exalcalde compostelán. Núñez Feijóo recordou que a noticia de que Currás sería nomeado delegado da empresa pública Tragsa en Galicia "publicouse nos medios" o pasado fin de semana aínda que insistiu en que ese nomeamento, ata onde afirma saber, "non se vai producir".

En calquera caso, considerou que Currás "ten dereito" a non verse sometido todos os días a determinadas "preguntas". "Sorpréndeme que unha persoa que é catedrático de instituto, como Currás, non poida aspirar a un posto público", indicou o presidente da Xunta que minimizou a súa condición de dobremente imputado en distintas causas xudiciais.

Volveu a criticar que haxa "outros partidos" con alcaldes e candidatos a repetir na alcaldía, ou que se presentan a primarias, e que están imputados, "digan que Currás non pode aspirar a un cargo nunha empresa pública porque está imputado".

En canto á súa posible saída da corporación municipal insistiu en que depende do propio Ángel Currás: "Non se se terminará a lexislatura, é a súa decisión", concluíu.

Comentarios