Feijóo: A semana pasada ''queimáronnos unha vida e onte queimáronnos un parque natural''

O presidente da Xunta subliñou hoxe a intencionalidade do lume forestal que está a afectar as fragas do Eume, insistindo en que "non hai que perder de vista que hai xente que queima", mentres se comprometeu a traballar para deixar a zona "como estaba". Núñez Feijóo desprazouse esta mañá á zona afectada para reunirse cos alcaldes dos concellos dos que forma parte este espazo natural.

Todo parece indicar, apuntou, que o incendio comezou en máis dun foco e destacou as dificultades que causou o vento e a seca prolongada. Insistiu en que na zona traballan todos os medios de que se dispón, e que se traballa por terra e con medios aéreos.

O presidente considera que aínda é pronto para facer un balance da situación. "Hai que seguir esperando, hai que avaliar, analizar; avaliaremos os danos producidos e espero e desexo que o incendio que non avance". Núñez Feijóo mostrouse preocupado polo vento, "onte tivemos ventos de 70 quilómetros por hora", condicións nas que é moi difícil controlar o lume, apuntou.

En todo caso, o xefe do Executivo galego destacou que "agora toca apagar, pero sen perder de vista que hai alguén que queima e, cando hai alguén que queima, é moi difícil esquecer que hai xente que está a queimar o patrimonio máis valioso que temos", sinalou.

Recordou que a pasada semana "queimáronnos unha vida", a dun brigadista cando apagaba un lume en Castrelo do Val, "e onte queimáronnos un parque natural". Ao seu xuízo, é "evidente que isto non ten ningún sentido, salvo o interese de facer dano e a intencionalidade de facer un acto criminal contra a vida das persoas e o patrimonio de Galicia", manifestou.

"Imos traballar e a gañar a batalla nas fragas do Eume e, a partir de aí farase un estudo de como queda a súa situación, que é o que hai que facer para preservar o río Eume e para repoboar a fraga "e deixala como estaba".

Comentarios