Feijóo: ''Galicia vai seguir apostando pola sanidade pública''

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, asegurou hoxe que "en plena crise económica, Galicia vai seguir apostando pola sanidade pública e imos seguir facendo infraestruturas hospitalarias".

Durante o xantar de irmandade con motivo da imposición da insignia de ouro de ASOMEGA ao presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, Feijóo quixo agradecer o gran esforzo levado a cabo por todos os profesionais do Sistema Sanitario Público galego para mellorar o rendemento en todas as áreas, informou a Xunta nun comunicado.

No plano das infraestruturas sanitarias, o mandatario galego recordou que o hospital público que se constrúe en Vigo é o de maior tamaño dos que se están facendo en España, que a Xunta está a ampliar o hospital da Coruña, que se reformará todo o bloque de hospitalización do hospital de Ourense, que existe o compromiso de facer un novo hospital en Pontevedra e que se vai a ampliar o do Salnés.

Feijóo destacou que actualmente "hai máis rendemento cirúrxico que nunca en xornada de mañá; os quirófanos funcionan con máis eficacia que nunca e a atención primaria está a empezar a derivar menos pacientes ás urxencias hospitalarias porque son tratados previamente nos centros de saúde".

Por iso, dixo, que sente "moi satisfeito" do traballo que está a intentar facer en Galicia.

"Nós empezamos a falar de que había que facer, por exemplo, un catálogo de medicamentos; intentamos non facer cálculos cuantitativos da lista de espera senón distinguir as patoloxías, non falar de números senón de prioridades; e somos capaces de que en Galicia, hoxe, os maiores cando cheguen aos 8 euros do seu compromiso coa sanidade pública no ámbito farmacéutico xa non teñan que seguir pagando".

Nestes momentos de grandes incertezas, o presidente da Xunta avogou por enviar unha mensaxe de confianza, "porque Galicia -dixo- ten talento e porque levamos tempo intentando traballar para afrontar a tormenta económica, social, laboral, política na que nos movemos, e creo que iso hai que polo en valor", destacou.

Núñez Feijóo concluíu a súa intervención referíndose ao homenaxeado, Ramón Villares, "unha persoa que traballa por e para Galicia; que contribúe a manter vivo o pasado de Galicia e que está comprometido co seu futuro".

Comentarios