Núñez Feijóo asegura que o PP está comprometido co futuro da Mariña

O presidente dos populares galegos participa na presentación das candidaturas do partido na comarca
Los asistentes al acto de presentación
photo_camera Los asistentes al acto de presentación

O presidente da Xunta e do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, esgrimiu este martes en Viveiro o compromiso do seu partido e o seu proxecto económico e de benestar "para non truncar" o desenvolvemento da comarca da Mariña.  Fíxoo durante a presentación das candidaturas do PP na comarca, un acto que ateigou o teatro Pastor Díaz.

O máximo dirixente popular galego puxo aos veciños como exemplo para dedicarse á política e acicate para a defensa dos intereses xerais, dado que tras cada representante popular hai "moita xente que coñece cada recuncho do seu pobo".

Núñez Feijóo repasou as actuacións do Goberno galego na comarca, "en plena recesión económica", e anunciou a posta en marcha dunha nova explotación acuícula en Cervo.

Do seu lado, o líder provincial do PP, José Manuel Barreiro, mostrouse convencido de que na Mariña "temos os mellores candidatos e as mellores listas para gobernar", dos que destacou o seu compromiso, seriedade e capacidade de traballo para satisfacer as necesidades dos veciños.

Antonio Bouza Rodil, cabeza de lista en Viveiro, lanzou o compromiso de "rebaixar o enorme gasto". Jesús López Penabad, alcaldable en Ribadeo, apuntou que Feijóo e o PP ofrecen "un Goberno modélico, que é unha garantía". Jorge Javier Castiñeira, candidato á reelección en Foz, sinalou que o seu equipo "é o que mellor representa aos veciños", pois combina a experiencia con valores como a solvencia, a estabilidade e a responsabilidade. José María González Barcia, número un do PP en Burela, resaltou que a súa lista ofrece "estabilidade", e recordou que o seu goberno baixou os impostos e fixo as obras prometidas.

Comentarios