Feijóo acusa ao PSOE de empuxar a España para ''que caia polo precipicio''

O presidente da Xunta acusou hoxe ao PSOE de que esta "empurrando" para que España "caia polo precipicio" no que os seus dirixentes a situaron e defendeu que, mentres non colaboren na saída da crise, non exerzan ningún posto de responsabilidade na vida pública.
 
Feijóo participou no acto de clausura do Congreso do PP de Madrid no que Esperanza Aguirre foi reelixida como presidenta e recalcou que hai que dicir a verdade da situación económica que vive España.
 
Unha situación que cualificou de excepcionalmente "grave" por culpa da débeda deixada polos gobernos socialistas. Para o presidente da Xunta, a "irresponsabilidade" dos gobernos do PSOE están a pagala agora os españois con cinco millóns e medio de parados e tendo que afrontar unha débeda de 27.000 millóns máis da que aseguraron que había.
 
"Agora necesitamos utilizar o pouco diñeiro que hai para pagar o que nos deixaron a deber", lamentou antes de reprocharlles aos dirixentes do PSOE que pretendan "adoutrinar" logo do que fixeron nos últimos anos.
 
Precisamente por esa xestión, o presidente da Xunta defendeu que os responsables de todo iso non poidan exercer ningún posto de responsabilidade na vida pública ata que non axuden a resolver "a lea" que eles mesmos crearon.
 
Ante a España herdada, Núñez Feijoó sinalou que o PP ten a obriga de sacar o país "do bordo do precipicio". "Se non facemos nada ou facemos o que eles viñeron facendo, caeremos por ese precipicio", engadiu antes de afear ao PSOE que, en realidade, estea "a empurrar" para que esa caída sexa unha realidade.
 
O presidente galego referiuse á situación do sistema nacional de saúde para reiterar que é consecuencia da xestión socialista. Criticou medidas como o denominado "cheque-bebé" para todas as familias que tiveron un fillo, con independencia do seu nivel de renda, ou o "Plan E", co que dixo que se tiraron 15.000 millóns de euros en beirarrúas, parques e xardíns".
 
Só coa metade dese plan explicou que se podería pagar a metade da débeda do sistema nacional de saúde.

Comentarios