A Federación Veciñal planta en Folgosa 25 árbores autóctonas

A este acto, celebrado en Folgosa, seguiulle a inauguración do novo centro social desa parroquia, habilitado na antiga escola
Un momento de la plantación en Folgosa
photo_camera Un momento de la plantación en Folgosa

A Federación Veciñal de Lugo promoveu onte a plantación de 25 árbores autóctonas en Folgosa (O Corgo). A este acto, celebrado para conmemorar o Día da Árbore, seguiulle a inauguración do novo local social da parroquia.

Esta cita, concibida para resaltar a importancia de preservar o medio ambiente e fomentar a plantación de especies autóctonas, arrincou a media mañá e xuntou a unhas 80 persoas. Técnicos de Medio Ambiente encargáronse de preparar os terreos para a plantación, no campo anexo á igrexa parroquial de Folgosa e noutro solar xunto á antiga casa reitoral.

Segundo explicou o vicepresidente do colectivo, Miguel Ángel Corredoira Real, as árbores foron cedidos pola Xunta, que tamén entregou case 600 árbores máis para a súa repartición entre asociacións veciñais da provincia.

Esperábase a presenza no acto da delegada territorial do Goberno galego, Raquel Arias, quen ao final non puido acudir por outro compromiso, pero si participou o enxeñeiro xefe de montes da Xunta, Ramón Rozadillas, a quen acompañaron representantes da corporación municipal do Corgo, da Federación Veciñal e doutras asociacións, entre elas a de Folgosa, con Jaime González á fronte.

Este último colectivo inaugurou despois, na que no seu día foi a escola da parroquia, o novo centro social de Folgosa, no que se serviron uns petiscos patrocinados pola Federación Veciñal. Nese acto, o veciño do Corgo José Manuel Pol Herbón pronunciou unha pregaria á árbore como chiscadela á efeméride recordada onte.

A Federación Veciñal celebraba tradicionalmente o Día da Árbore no municipio de Lugo, pero desde hai uns anos realiza estes actos de forma itinerante por distintas zonas da provincia, Os do 2015 foron en Begonte.

Comentarios