A familia cre que o matou alguén do seu contorno

Esperan aos resultados da autopsia para que se esclareza a cuasa da morte de Paulino Carreiro

A familia do emigrante ourensán de 84 anos de idade achado o mércores morto e amordazado na súa casa situada en Chitré, na provincia panameña de Herrera, espera aos resultados da autopsia para saber como morreu e apunta a un posible roubo como móbil.

En declaracións a Europa Press, un sobriño da vítima, Paulino Carreiro, tamén residente en Panamá, explicou que esperan que a autopsia aclare se Obdulio Vázquez morreu por asfixia ou dun infarto durante os feitos, xa que a súa saúde era "delicada".

O home falecido estaba tirado no chan da súa vivenda, vestido e amordazado. Polas circunstancias nas que foi atopado e segundo indicoulle unha das tres fillas do falecido, "aparentemente faltaba un anel" e outras xoias de ouro. Ademais, a Fiscalía indicou á familia que Obdulio Vázquez non levaba diñeiro no peto cando o acharon.

"Non era de ter diñeiro en casa", apostilou o seu sobriño. "Quizá se equivocaron e pensaban que tiña diñeiro", engadiu sobre o móbil do roubo. Ademais, asegurou que era "a primeira vez" que roubaban en casa da vítima, quen levaba "toda a vida" en Panamá, "máis de 60 anos", sinalou.

O falecido, que se dedicaba á venda de mobles, foi atopado por un traballador da compañía do irmán da vítima no chan da vivenda na que residía só.

ENTERRO

Obdulio Vázquez estivera na súa localidade de procedencia, Boborás (Ourense) de visita este verán. O seu sobriño recordou que lle dixo que "era o último" que viaxaría a Galicia, xa que a súa "saúde era delicada".

A familia enterrará ao falecido en Chitré, como o manifestara ás súas fillas que era a súa vontade, no panteón da comunidade galega na zona. En Panamá o falecido, que vivía só, ten tres fillas, netos, un irmán, ademais de sobriños.

INSEGURIDADE

Preguntado sobre a seguridade na zona, o sobriño da vítima asegurou a Europa Press que recentemente se rexistrou "unha onda de inseguridade", pero aclarou que o caso do seu tío "non é normal nin común".

Neste sentido, sinalou que na zona rexistrouse "algún que outro" roubo, pero insistiu en que "non é común". "O caso do meu tío foi premeditado", dixo sobre a posibilidade de que fose "alguén que o coñecía" e que o vixiaron para roubarlle", xa que a porta da vivenda non estaba forzada e estaba aberto o acceso do garaxe, polo que cren que puido abrir o propio octoxenario.

Comentarios