Falece un veciño de Castro de Rei tras arder o colchón sobre o que durmía

Dos agentes de la Guardia Civil tapan con una sábana la retirada del cadáver de la casa (Foto: N. RODRÍGUEZ)
photo_camera Dos agentes de la Guardia Civil tapan con una sábana la retirada del cadáver de la casa (Foto: N. RODRÍGUEZ)

O septuaxenario de Castro de Rei Benjamín Arias Morado, de 79 anos de idade, faleceu onte na súa casa do Barrio do Xordo, na parroquia de Quintela, en Castro de Rei, tras incendiarse de madrugada o colchón sobre o que durmía e, supostamente, inhalar os gases tóxicos xerados nesta combustión.

O suceso ocorreu pouco logo das cinco da madrugada do martes, segundo comentaron os veciños da vivenda máis próxima ao domicilio do finado. eles foron precisamente os primeiros en prestar auxilio á familia do finado e tamén os que sufocaron as chamas orixinadas nun dormitorio da planta superior cunha mangueira a través da fiestra.

«A filla do falecido avisounos de madrugada do lume xurdido na habitación na que durmía seu pai, pero antes de chamarnos xa subira á habitación e abrira a fiestra, pois estaba todo cheo de fume», relatou Jesús Cupeiro, quen precisou que foi o seu fillo Juan Carlos o que logrou sufocar as chamas.

«O meu fillo entrou por dúas veces na casa para tratar de subir á habitación, pero tivo que saír para fóra, pois non respiraba co fume que había», comentou Jesús, quen explicou que ante a imposibilidade de acceder ao interior do dormitorio incendiado para sufocar as chamas, «o rapaz colocou unha escaleira ata a fiestra e logo cunha mangueira apagou o lume, que supostamente foi provocado por unha estufa».

Contrariado pola traxedia ocorrida á beira da súa casa, este veciño de Quintela non daba crédito ao ocorrido, pois «Benjamín era un home maior e de saúde delicada, xa que tiña problemas de azucre e non sei que máis, pero era habitual veo pasear por estas pistas de cerca da casa, aínda que xa había días que non o vira saír», relatou Jesús Cupeiro.

Este veciño, do mesmo xeito que o seu irmán Serafín, que é o alcalde de barrio, comentaron que o finado fixou a súa residencia nesta casa do Barrio do Xordo de Quintela hai pouco máis de vinte anos, «cando se xubilou da mina», precisou Serafín Cupeiro.

«El era oriúndo da Fonsagrada ou de Negueira de Muñiz e veu de mozo para Prevesos, onde logo casou con Modesta, agora viúva, coa que tivo tres fillos», explicou, para logo agregar que «esta familia estivo fóra, viviu en Asturias moito tempo e aínda ten varios fillos que están en Avilés», dixo.

A versión dos feitos narrada por estes veciños axústase á ofrecida polos bombeiros que, tras chegar á vivenda incendiada, completaron a extinción e ventilaron a casa. Estes axentes indicaron ademais que o finado estaba cruzado sobre a cama, quizais porque intentara sen éxito apagar o lume, e presentaba queimaduras no corpo. Os bombeiros apuntaron ademais que a morte puido deberse á inhalación de gases contaminantes.

A filla do falecido, que foi tamén a primeira en atopar o corpo do seu pai tendido sobre a cama, confirmou esta mesma versión. María Elena Arias, confesou, no entanto, que nun primeiro momento non soubo se o seu pai falecera ou non, porque «había moito fume e non podíase respirar dentro da habitación», indicou a moza.

María Elena cre ademais que o seu pai se decatou de que algo raro pasaba coa estufa, porque o seu corpo apareceu disposto sobre a cama dunha forma un tanto estraña, coma se tratase de incorporarse da cama para así apagar a estufa ou o lume, comentou.

Compungida polo sucedido, esta muller, de 43 anos, recorda ademais que o seu pai lle pediu ao deitarse que deixase dúas barras da estufa acesas.

Comentarios