Falece a samonense que se golpeou coa rozadora

A persoa que resultou ferida na tarde do xoves en Samos e que foi evacuada en helicóptero ao hospital Lucus Augusti de Lugo faleceu no centro médico ao non poder superar as feridas provocadas na cabeza ao golpearse cunha rozadora.

A vítima, Olga Pombo Fernández, de 68 anos de idade e natural da parroquia samonense de Renche, foi trasladada en estado grave ao hospital de Lugo, onde faleceu poucas horas despois, pola noite, segundo informaron veciños de Samos.

O accidente tivo lugar o xoves cando faltaban poucos minutos para as seis da tarde nunha leira particular, nas inmediacións da vivenda da vítima, situada no núcleo de Toca, na parroquia de Renche. Ao parecer, a samonense estaba a traballar cun familiar na recollida de patacas, cando se golpeou na cabeza cunha cadea da rozadora. Isto provocoulle un corte na cabeza.

O servizo de urxencias 112 mobilizou ata o lugar do suceso a unha patrulla da Garda Civil e a un helicóptero con base en Ourense que trasladou á ferida ao hospital de Lugo. A muller foi ingresada no centro, onde permaneceu en observación, aínda que finalmente faleceu.

Funeral

O funeral de enterro da samonense, que tiña dous fillos, será hoxe ás sete da tarde. A vítima, que residía en Toca cun dos seus fillos, atópase no tanatorio Madeira de Sarria, desde onde será trasladada a Renche, localidade na que terá lugar a cerimonia relixiosa e o posterior enterro.

Éste foi o segundo accidente agrícola mortal ocorrido durante esta semana na comarca de Sarria. O primeiro tivo lugar o luns no municipio de Láncara, onde faleceu un home ao saírse da vía e envorcar o tractor que conducía. A súa morte prorroga unha sangría de vítimas de accidentes de tractor na provincia no que vai de ano.

Pola súa banda, a muller que faleceu o xoves durante a romaría dos Remedios, no Alto de Cesar, foi enterrada na tarde de onte na parroquia de Fafián, no municipio de Sarria, onde residía.

Comentarios