Falece a nai de Sonia Figueroa, a moza tiroteada en 2014 en Chantada

María del Carmen Domínguez tiña 64 anos e encargábase do coidado da moza xunto aos seus outros dous fillos e achegados

María del Carmen Domínguez Gómez, nai de Sonia Figueroa, a chantadina que en agosto de 2014 foi tiroteada pola súa parella nun bar da vila da Asma, faleceu en Vigo aos 64 anos de idade.

A muller residía na cidade olívica para estar máis preto da súa filla, ingresada nun centro de Redondela por mor das secuelas que arrastra desde o tráxico accidente.

Carmen Domíguez, natural de Castro de Carballedo, era viúva e tiña tres fillos e, xunto a outros familiares e a uns amigos, era un dos apoios de Sonia Figueroa. Agora serán eses achegados os que seguirán facéndose cargo da moza.

Fontes próximas á familia explicaron que a situación de Sonia Figueroa é moi delicada. O 26 de agosto de 2014, cando tiña 31 anos, recibiu un tiro na cabeza, unha agresión pola que foi encarcerado o que entón era a súa parella, Manuel Fernández Fente.

Durante a súa primeira semana no hospital de Lugo, a muller permaneceu completamente inconsciente. Despois experimentou unha melloría e foi subida a planta. Tras unha estancia de varios meses no hospital xestionouse o seu ingreso en Redondela. O seu estado segue sendo extremadamente delicado e apenas evolucionou desde o alta hospitalaria. Fontes próximas á familia explicaron que non é autónoma e necesita moito apoio profesional.

Comentarios