Falece o xornalista lucense Elías Ferreiro

Levaba toda a súa vida profesional vinculado a El Progreso, do que era columnista e responsable da información nacional e internacional
Elías Ferreiro
photo_camera Elías Ferreiro

O xornalista Elías Ferreiro Engroba faleceu na tarde deste mércores no Hula como consecuencia dunha enfermidade que o mantivo hospitalizado durante practicamente os últimos tres meses.

Nacido en Xustás (Cospeito) en outubro de 1958, Elías Ferreiro estudou no antigo Instituto Masculino de Lugo e licenciouse en Xornalismo na Universidade Autónoma de Barcelona tras un brillante expediente académico. Comezou a traballar na delegación en Monforte de El Progreso, diario ao que estivo vinculado desde os seus inicios profesionais. Posteriormente ocuparíase da sección de Deportes, Crónica, Peche e actualmente coordinaba a información xeral xunto a Francisco Abraldes. Ademais era un fino analista da actualidade e as súas columnas publicábanse semanalmente na contraportada do xornal e na edición dixital.

O falecemento aos 57 anos de Elías Ferreiro, que tamén foi directivo da Asociación da Prensa de Lugo, causou unha profunda consternación no xornalismo lucense e especialmente na Redacción do diario El Progreso, aínda conmocionada pola recente perda de Ángel Vaqueiro. Ambos deixan un oco difícil de encher, tanto pola súa calidade humana como profesional.

Comentarios