Sábado. 15.12.2018 |
El tiempo
Sábado. 15.12.2018
El tiempo

Falece Ángeles Salgueiro, a primeira deputada provincial de Lugo

Ángeles Salgueiro Corujo, en una imagen de 2010
Ángeles Salgueiro Corujo, en una imagen de 2010
Foi alcaldesa das Nogais durante un mandato e mestra ata a xubilación

Ángeles Salgueiro Corujo forma parte da historia de Lugo desde 1979, cando tomou posesión como deputada provincial. Foi a primeira muller en asumir este cargo, que ocupou ata 1983. Antes, fora alcaldesa das Nogais, cando a presenza das mulleres na política non chegaba nin a ser escasa. O pasado martes, faleceu aos 83 anos.

Esta muller naceu en Lugo en 1932 e aos 19 anos xa era mestra. O seu primeiro destino foi O Saviñao, pero pouco despois trasladouse ás Nogais, onde traballou como profesora entre 1955 e 1988. Neste tempo, impartiu clases na escola unitaria de nenas e, tras a unificación de aulas, no colexio das Nogais, do que tamén foi directora. Despois trasladouse a Lugo, ao colexio Illa Verde, que tamén dirixiu.

Estaba orgullosa da súa actividade docente. Hai uns anos, dicía que lle gustaría ser recordada como "unha persoa que puxo moito amor nos seus beizos para transmitilo aos demais, non só aos meus fillos, senón tamén aos meus alumnos. Sempre antepuxen o amor ao temor".

Entrou en política en 1975 e definía os seus primeiros momentos como difíciles pola exclusión da muller dos cargos públicos

Paralelamente a esta actividade docente, Ángeles Salgueiro tivo unha vida política inusual para as mulleres do seu tempo, sobre todo en municipios pequenos como As Nogais.

O gobernador civil José Antonio Barreira Maseda nomeouna alcaldesa das Nogais en 1975. Ocupou ese posto ata 1979, cando se celebraron as primeiras eleccións da democracia. Presentouse aos comicios, pero non logrou a alcaldía, aínda que continuou como concelleira ata 1991.

Dicía que a oferta de ser alcaldesa colleuna por sorpresa. "Non o entendía porque a miña experiencia política era nula", e narraba uns comezos infestados de dificultades. "Non só polo ostracismo no que vivía o país por aquel entón, senón tamén porque era muller". Fartouse de escoitar bromas improcedentes e chegou a sentirse humillada, pero iso non a detivo.

Contaba que o paso do réxime franquista á democracia "foi unha experiencia inesquecible ao ter a responsabilidade de explicar á xente a importancia daquel cambio. Agora parece inconcibible que non se entendese a participación do pobo en política, pero era así".

Entre 1979 e 1983 foi deputada provincial, con Luis Cordeiro como presidente. Foi a primeira muller en sentar no salón de plenos da Deputación lucense.

Compartiu a súa vida con Alfonso López Soaz e tivo catro fillos. O seu funeral será este venres, ás seis da tarde, na igrexa de San Francisco Javier de Lugo.

Falece Ángeles Salgueiro, a primeira deputada provincial de Lugo
Comentarios