Facenda ameaza con embargos e sancións a quen pague impostos estatais ao fisco catalán

O departamento que dirixe Cristóbal Montoro responde así a Puigdemont, que este luns afirmou que a Axencia Tributaria autonómica está preparada para recadar todos os tributos se sae o 'si' no referendo

O Ministerio de Facenda ameazou con impor sancións, que poderían chegar á vía executiva —é dicir, embargos— ou incluso derivar en responsabilidade penal, ás persoas físicas e xurídicas que presenten as declaracións de impostos exclusivos do Estado na Axencia Tributaria Catalá. O departamento que dirixe Cristóbal Montoro realizou esta advertencia ao fío da presentación do fisco catalán por parte do presidente da Generalitat, Carles Puigdemont e o seu vicepresidente, Oriol Junqueras. Ambos aseguraron que a citada Axencia está preparada para recadar todos os tributos en Cataluña se sae o "si" no referendo independentista que queren facer o 1 de outubro.

Facenda quixo aclarar que a Generalitat de Cataluña, ao igual das demais comunidades de réxime común, dispón da súa propia Administración Tributaria, que é competente para xestionar os seus propios tributos e os tributos estatais cuxa recadación se cede integramente ás autonomías de réxime común. Este é o caso do Imposto sobre o Patrimonio, o Imposto sobre Sucesións e Doazóns, o Imposto sobre Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados, os tributos sobre o Xogo e o Imposto Especial sobre Determinados Medios de Transporte.

Se os contribuíntes liquidan os seus impostos ante outra Administración "as declaracións teranse por non presentadas e as débedas por non pagas"



Con todo, o ministerio recordou que para o resto de tributos a normativa establece que os deberes de presentar as declaracións e de pagar as débedas tributarias "só se teñen por cumpridos se se realizan na Administración Tributaria competente". É dicir, que se os contribuíntes presentan as declaracións e liquidan os seus impostos ante outra Administración "as declaracións teranse por non presentadas e as débedas, por non pagas".

Así, segundo matizou o departamento dirixido por Cristóbal Montoro a Axencia Tributaria catalá debe trasladar os datos á Administración estatal pero, no caso de que isto non suceda, será a persoa física ou xurídica a que está a incumprir o seu deber tributario e, xa que logo, a sancionada. A consecuencia de non presentar as declaracións no lugar correcto, segundo Facenda é que, no caso dos impostos cuxa xestión corresponde ao Estado, a Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) "podería iniciar procedementos de comprobación, liquidar a débeda tributaria e impor sancións, así como iniciar o procedemento de prema para facer efectivo o importe da débeda", é dicir, que poderían incluso embargar bens.

Ademais, estas condutas poderían chegar a ser "constitutivas de delito" contra a Facenda Pública. Neste sentido, o departamento de Montoro quixo recordar que as persoas xurídicas "non teñen só responsabilidade tributaria, senón tamén responsabilidade penal", de acordo co Código Penal.

Neste sentido, o Ministerio de Facenda advertiu que os seus administradores poden incorrer en "responsabilidade tributaria", como responsables solidarios ou subsidiarios do pago da débeda tributaria defraudada, en función do seu grao de participación na infracción tributaria.

Comentarios