Expropian unha leira para poder construír un centro de día

A corporación municipal pontenovesa clausurou, a semana pasada, a última sesión do mandato vixente coa decisión de expropiar unha leira contigua ao polideportivo, sobre a que se edificará un centro de día, con capacidade para albergar a unhas 40 persoas maiores e que terá ata 30 camas de réxime residencial. A expropiación suporalle un desembolso de 40.000 euros ao goberno local, que cualifica esta actuación de necesaria «e urxente».

O rexedor pontenovés, o socialista Darío Campos, aclarou que «xa había unha leira cedida por parte dun propietario particular para esta finalidade, pero sobre a outra, descoñécese quen é o dono por datos inexactos do catastro», polo que o goberno terá que ir a unha «expropiación forzosa do terreo». Desta forma, o futuro centro de día ocupará unha superficie duns 2.500 metros cadrados. O primeiro edil engadiu que, unha vez expropiada a leira, «cederáselle ó Consorcio dos Servizos Sociais para poder negociar o financiamento coa Xunta e poder así executar a obra canto antes».

Desta forma, o equipo de goberno dos socialistas da Pontenova avanza no que foi un dos seus principais obxectivos, o de cambiar a localización exposta pola alcaldía anterior, «a un lugar con máis área de esparcimento» e responder á demanda existente deste servizo.

Saneamento

Para facer chegar as tubaxes da traída da auga e do saneamento a núcleos de poboación que carecían diso, o rexedor aprobou a expropiación de terreos «de paso para que poidan pasar por eles as canalizacións». As obras, «que estarán finalizadas este verán», beneficiarán a oito veciños de Conforto e a catro casas de Fontangordo, onde, nun período estival de hai dous anos, foi necesario achegar motobombas para poder fornecerlles a auga, que faltou durante tres días. Neste sentido, o primeiro edil puntualizou que deste xeito «completar o 5% que quedaba do proxecto do saneamento».

Comentarios