Esixen eliminar a simboloxía franquista de Pontecesures sen unha consulta cidadá

A IGM considera "o colmo da perversión da democracia promover un referendo para avalar a pervivencia do franquismo"

A Iniciativa Galega pola Memoria (IGM) esixe ao alcalde de Pontecesures, Juan Manuel Vidal, que elimine a simboloxía franquista do municipio "sen máis dilacións, como lle obriga a lei e a ética", e sen que convoque unha consulta cidadá, como anunciou o rexedor.

Segundo expón a IGM nun comunicado, é "o colmo da perversión da democracia promover unha especie de referendo para avalar a pervivencia do franquismo".

Incide en que o rexedor respondeu á petición da retirada dun emblema da Falanxe nunha fonte do municipio cun bando no que propón unha consulta cidadá.

Considera esta pretensión "unha burla ás vítimas e un insulto á intelixencia".

De aí a súa esixencia á corporación local de Pontecesures que dea cumprimento á eliminación da simboloxía franquista "sen máis dilacións".

Comentarios