Evacuados os 370 alumnos do colexio Frei Luís por gretas en varias aulas

ELP1511P11F1.JPG
photo_camera ELP1511P11F1.JPG

Os 370 alumnos do colexio Frei Luís de Granada de Sarria, así como os profesores, foron evacuados sobre as once da mañá de onte do centro ao descubrirse gretas en varias aulas. Éstas víronse por primeira vez en setembro, aínda que ao atopar onte novas fisuras decidiron levar aos nenos ao patio, onde permaneceron durante todo o día.

Os técnicos e os representantes do Goberno autonómico que visitaron onte o colexio acordaron apontoar a planta baixa na zona do patio (espazo que xa foi reforzado en parte) «por seguridade». Estes traballos desenvolveranse durante hoxe e mañá por unha empresa contratada pola Xunta, polo que se acordou suspender as clases nas dúas xornadas.

Os técnicos visitaron onte o inmoble, que foi construído fai 40 anos, e achacaron as gretas a unha «deformación do forxado polo paso do tempo», aínda que aclararon que non hai risco de rotura. «O forxado non ten nada que indique que vaia romper, non hai risco de colapso», aseguraron ante pais e profesores.

As gretas atópanse en varias aulas desde hai anos, aínda que ao parecer estas aumentaron no mes de setembro. Desde entón os técnicos colocaron testemuñas para coñecer a evolución das fisuras. Nos primeiros días deste mes apontoaron parte da planta baixa no patio e catro aulas. Éstas estaban ocupadas por alumnos de segundo e terceiro de Primaria, que foron reacollidos noutras clases. Ao mesmo tempo, os operarios iniciaron un estudo e realizaron catas para coñecer a estrutura do edificio «que non se correspondía ao proxecto da obra», sinalaron.

Os profesores acharon agora outras gretas, polo que alertaron novamente aos especialistas, quen propuxeron como medida de precaución que se desaloxase o colexio ata coñecer como se atopaba. Segundo os técnicos, ao ver que non había risco informaron de que podían volver ao edificio, aínda que os profesores decidiron permanecer no patio ata que efectuasen unha revisión completa ao inmoble.

A dirección do centro asegurou que o problema coincidiu xustamente cun simulacro de desaloxo que realizan todos os anos.

Na tarde de onte reuníronse no colexio a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias; o xefe territorial de Educación, José Jesús Ramos Ledo; o alcalde sarrián, José Antonio García; o concelleiro de educación, Francisco Pérez; o inspectora xefe de zona, a inspectora do centro, técnicos e membros da dirección do Ceip.

A evacuación dos alumnos xerou gran preocupación entre os profesores, os nenos e os pais. Algúns dos proxenitores, ao coñecer a noticia, achegáronse pola mañá ata o centro para recoller aos seus fillos e reclamar unha explicación. As medidas que se tomarán para solucionar o problema foron explicadas por especialistas e autoridades durante outra reunión cos pais que permaneceron pola tarde no centro alarmados pola situación.

OBRAS
A estrutura do centro reforzarase

Para evitar novos problemas no edificio os técnicos acordaron reforzar a súa estrutura. Segundo explicaron, a lonxitude dos forxados do centro é superior á permitida en construción actualmente, polo que deben reforzarse.

As obras, segundo os responsables autonómicos, terán «prioridade», aínda que non poderán empezarse en varios meses polos trámites administrativos, xa que se debe sacar a licitación a redacción do proxecto, adxudicarse e contratar a execución da obra.

Varias fases

Os traballos realizaranse en varias fases e non só afectarán á zona danada, senón á estrutura de todo o edificio. Por iso, cando se executen os traballos os nenos deberán ser recolocados noutras zonas do centro ou incluso noutros edificios.

PAIS. Preocupación entre os proxenitores, que piden o reacollo noutro edificio

  • Os pais e nais dos alumnos mostraron a súa preocupación pola seguridade do edificio a pesar das informacións técnicas recibidas. Algúns deles reuníronse cos responsables autonómicos e municipais e trasladáronlles o seu temor pola situación do colexio.
  • Os progenitores mostraron o seu medo a que poida haber un accidente ou se produza algún sismo e a situación do centro agrávese. Pola súa banda, outros pais solicitaron o reacollo dos alumnos noutro edificio ante o temor de que as gretas aumenten e póidase provocar un derrube, o que descartaron por completo os especialistas.

NOTA

  • Así mesmo, a Asociación de Pais e Nais (Anpa) do colexio distribuíu unha nota informativa para que os alumnos, por deficiencias «estructurais», non acudan ao centro «ata que non garantan a seguridade dos nenos e persoal docente do centro».

Comentarios