Este ano publicaranse un ensaio e unha novela que o escritor deixou case acabados

O escritor mexicano Carlos Fuentes, falecido hoxe en México, deixou practicamente listos para a súa publicación dous traballos, un ensaio centrado en persoas que máis o influíron e xa faleceron, e unha novela que verá a luz en novembro.
 
O primeiro deses libros levará por título Personas e é un ensaio que será publicado en xuño, dixeron a Efe fontes da editorial Alfaguara en México.
 
Sobre este ensaio, practicamente ultimado, Fuentes dicía que se tiña que "apurar a publicalo" porque contén impresións do escritor ao redor de case unha vintena de persoas, todas elas xa falecidas, que foran importantes na súa vida.
 
Fuentes (1928-2012) tiña previsto, ademais, lanzar unha nova novela, Federico en su balcón, na que expuña un diálogo co filósofo alemán Friedrich Nietzsche e que esperaba presentar en novembro na Feira Internacional do Libro de Guadalaxara.
 
Nunha entrevista que publicou onte o diario El País, Funtes dixo que escribir era a súa fórmula para manterse nova.
 
"O meu sistema de mocidade é traballar moito, ter sempre un proxecto pendente. Agora terminei un libro, Federico en su balcón, pero xa teño un novo, El baile del centenario, que empezo a escribilo o luns en México", apuntou.
 
"Levántome pola mañá e ás sete e oito estou a escribir. Xa teño as miñas notas e xa empezo. Así que entre os meus libros, a miña muller, os meus amigos e os meus amores, xa teño bastantes razóns para seguir vivindo", contaba o escritor.
 
O encontro tivo lugar a comezos deste mes en Buenos Aires, onde o escritor participou na Feira do Libro. Nesa ocasión, Carlos Fuentes asinou exemplares durante horas.

Comentarios