As dez mulleres máis influentes de España segundo Forbes

Ana Botín lidera unha lista que tamén inclúe á zamorana fincada en Pontevedra Ana Pastor e á raiña dona Letizia

Ana Patricia Botín, María Dolores de Cospedal, Ana Pastor e a Raíña Letizia son algúns dos nomes que figuran no top ten da lista que elaborou a revista económica Forbes sobre as 50 mulleres máis poderosas do país, que aparece publicada no número de xullo/agosto da edición española.

A presidenta do Banco Santander, que xa apareceu na lista Forbes das mulleres máis influentes do mundo, ocupa o primeiro posto. A prestixiosa publicación destaca que, xunto aos seus irmáns, xestiona un capital privado de 1.575 millóns de euros, o que á súa vez sitúa á familia cántabra entre os cen españois máis ricos.

Destaca tamén a ministra de Defensa, María Dolores de Cospedal, no cuarto posto. No seu caso, Forbes valora que "é a primeira muller en ocupar a Secretaría Xeral do PP" e o seu percorrido político, que a levou a desempeñar diversos cargos públicos ata chegar ao Ministerio de Defensa, que dirixe na actualidade.

A súa compañeira de filas Ana Pastor está no sexto chanzo. Tamén cunha longa traxectoria política, que inclúe varios ministerios, o seu cargo actual como presidenta do Congreso dos Deputados "erixiuna na terceira autoridade do Estado", apunta Forbes.

Fóra do top ten, no undécimo posto, está a vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría. Forbes aprecia nela o seu ascenso político á beira do presidente, Mariano Rajoy, que durante estes anos confiou en Sáenz de Santamaría para numerosas responsabilidades.

A Raíña Letizia, pola súa banda, é a oitava polo seu cargo institucional e as causas que elixiu defender, que se centran en tres áreas, saúde, educación e cultura. No entanto, Forbes sinala que "a súa elegancia, o seu aspecto físico e a súa relación cos seus cuñados ocupan máis titulares que o seu labor".

O top ten complétano María Dolores Dancausa, conselleira delegada de Bankinter (segunda); Paloma Escudero, directora da división de comunicación do Fondo de Nacións Unidas para a Infancia, UNICEF (terceira); Carme Ruscadella, cociñeira e empresaria (quinta); Encarnación Roca Trías, vicepresidenta do Tribunal Constitucional (sétima); María Ángeles Sánchez Conde, fiscal xefe do Tribunal Constitucional (novena); e María del Mar Raventós, presidenta do Grupo Codorniú (décima).

Comentarios