lunes. 01.03.2021 |
El tiempo
lunes. 01.03.2021
El tiempo

Extinguidos os incendios da Mezquita e de Entrimo, en Ourense

Os lumes declarados nos concellos lugueses de Folgoso do Courel e Navia de Suarna permanecen controlados

Os efectivos de loita contra os incendios forestais deron por extinguidos os dous lumes declarados nos termos municipais ourensáns de Entrimo e A Mezquita, segundo datos das 9.00 horas deste mércores facilitados pola Consellería de Medio Rural e do Mar.

No caso dos incendios dos concellos lugueses de Navia de Suarna e Folgoso do Courel, ambos os dous permanecen controlados.

O lume declarado ás 17.37 horas do luns na parroquia de Galez, no municipio de Entrimo, foi extinguido ás 9.40 horas deste mércores.

Segundo as últimas estimacións provisionais, a superficie afectada é de ao redor de 19,2 hectáreas —15,2 arboredos e 4 rasas—.

Nas tarefas de extinción participaron 5 axentes forestais, 16 brigadas, 7 motobombas, 6 helicópteros e 5 avións.

En canto ao incendio na Mezquita, na parroquia de Santigoso, quedou extinguido ás 23.50 horas deste martes, tras comezar durante a madrugada do mesmo día ás 00.08 horas.

Segundo as últimas cifras facilitadas pola Xunta, o lume arrasou 102 hectáreas en terreos de Rede Natura, das cales 57 son terreo forestal e o resto agrícola.

Nos labores de extinción traballaron 5 axentes forestais, 14 brigadas, 7 motobombas e unha pa.

Polo que respecta á provincia de Lugo, desde as 22.40 horas deste luns está controlado o incendio iniciado o pasado sábado ás 19.18 horas no municipio de Folgoso do Courel.

As estimacións provisionais apuntan a unha superficie afectada de 195,33 hectáreas en terreos de Rede Natura, das cales 8 son arboradas e 187,33 de monte raso.

Nas tarefas de extinción deste incendio participan 3 técnicos, 20 axentes forestais, 51 brigadas, 29 motobombas, 2 pas, 8 helicópteros e 3 avións.

Para rematar, permanece tamén controlado desde as 11.20 horas deste luns o incendio rexistrado no municipio lucense de Navia de Suarna, na parroquia de Ribeira.

Este lume iniciouse o sábado ás 17.27 horas e, segundo datos provisionais, a superficie afectada é de 410 hectáreas en terreos de Rede Natura, das cales 310 son arboradas e o resto rasas.

Na súa extinción traballan desde o seu inicio un técnico, 13 axentes forestais, 49 brigadas, 26 motobombas, unha pa, 10 helicópteros e 6 avións.

Tamén colaboraron nas tarefas de control membros da Unidade Militar de Urxencias (UME).

Extinguidos os incendios da Mezquita e de Entrimo, en Ourense
comentarios