Espazos de futuro en Foz

Unha proposta do estudo NoRD resultou premiada nun concurso de arquitectura ?O proxecto presenta unha rehabilitación sostible e innovadora dunha nave
Los emprendedores mariñanos, los últimos de la derecha, en la entrega de premios
photo_camera Los emprendedores mariñanos, los últimos de la derecha, en la entrega de premios

Os integrantes do estudo NoRD Arquitectura & Deseño de Foz, Diego Castiñeira e Silvia Alonso, xunto co enxeñeiro técnico de electricidade David Jorge conseguiron unha mención de honra coa súa proposta denominada NRD215, no concurso Rehabitando que organiza Toshiba e a Asociación de Sustentabilidade e Arquitectura (ASA). Este certame, para profesionais menores de 40 anos, intenta promover a innovación na rehabilitación fomentando un traballo interdisciplinar en equipo. Nesta liña o xurado cualificou a proposta premiada do estudo NoRD como «unha interesante formulación proyectual de integración das instalacións e a arquitectura».

Silvia Alonso explica que este concurso valora o xeito de afrontar unha rehabilitación, neste caso dunha nave cunhas determinadas características e localización ficticia. «O proxecto de rehabilitación debe realizarse coa colaboración de profesionais de distintas disciplinas, algo pouco habitual» no traballo diario. O xurado, segundo dixo Silvia Alonso, valora aspectos como a sustentabilidade, a construción ecolóxica, a utilización de enerxías sostibles ou as medidas innovadoras.

O proxecto que NoRD presentou dispón dun espazo cunha zona de encontro con cafetería ademais de espazos de traballo flexibles e modulables, «un pouco o espazo que se busca para o traballo en equipo do futuro».

Os dous integrantes de NoRD Arquitectura & Deseño comezaron en 2010 o seu traballo en distintos estudos de arquitectura, para en 2013 desprazarse a Austria e foi este 2015 cando apostaron por instalarse na Mariña. «No estudo traballamos en proxectos de todo tipo pero o traballo diario adoita ser máis tradicional, por iso aproveitamos este tipo de concursos onde se poden realizar proxectos innovadores e algo utópicos».

Castiñeira e Alonso asistiron a pasada semana á entrega dos premios no Consello Superior de Arquitectos de España en Madrid, onde expuxeron as súas ideas sobre sustentabilidade e rehabilitación que aplicaron á súa proposta.

Comentarios