Espazo Ecosocialista cre que o debate sobre o canon descobre o ''estrepitoso fracaso'' do modelo de Sogama

O partido ecoloxista galego Espazo Ecosocialista considerou hoxe que o debate sobre a viabilidade económica da firma público-privada Sogama pon de manifesto o "estrepitoso fracaso" ambiental e económico dese modelo de xestión de residuos urbanos.

Nun comunicado, a formación subliña que o anuncio do aumento de 35,5 % do canon que pagan os municipios, que se aplicará dentro de seis meses, pon de manifesto as deficiencias do sistema.

Espazo Ecosocialista considera oportuno "desmontar algúns mitos" sobre o sistema de Sogama -unha firma participada pola Xunta e a enerxética Fenosa-, que concentra diariamente no municipio coruñés de Cerceda o lixo doméstico da maior parte de Galicia para queimar unha parte e acumular o resto nun gran vertedoiro.

A citada formación denuncia que o "beneficio ambiental" que presume de ofrecer Sogama é "mentira", xa que sinala que 50 % do lixo deposítaa nun "macrovertedoiro de 290.000 metros cadrados que alberga millóns de toneladas de residuos de todo tipo incluídos hospitalarios e farmacolóxicos", e que a Xunta autorizou a ampliar ata ocupar uns 400.000 metros cadrados.

Apunta que outro 43 % do lixo dos fogares incinérase nunha planta que consome "máis de 500.000 megawatts de electricidade procedentes no seu maior parte de gas natural para producir pouco máis de 450.000 megawatts de electricidade", o que supón "un déficit de 50.00 megawatts".

Sogama é "a sexta empresa galega con maior emisión de CO2 con 0,83 toneladas por megawatt e hora, a par das grandes incineradoras de carbón", indica, e denuncia que ademais "conta con importantes emisións de dioxinas e metais pesados".

Destaca que só 7 % do lixo doméstico é sometido a procesos de recuperación "de materiais para reciclaxe", unha situación que considera "patética".

Respecto da xestión económica de Sogama, obxecto do debate actual, a formación ecoloxista indica que os cidadáns pagan por ''dobre vía": o canon dos municipios e as axudas públicas para mellorar das súas instalacións ou as primas de produción de enerxía.

Espazo Ecosocialista cualifica esta última de ''falacia" e sinala que as axudas a mellorar as instalacións inclúen a ampliación do vertedoiro.

Conclúe que a desaparición dos subsidios públicos puxo de manifesto "a realidade da inviabilidade do sistema" e a constatación do "estrepitoso fracaso dun modelo de xestión de residuos diametralmente oposto" ao "dunha xestión sostible baseada nos tres alicerces definidos na directiva de residuos da Unión Europea: redución, reutilización e reciclaxe".

Comentarios