Esencia de país

Orlando Viveiro (Foto: J. Vázquez)
photo_camera Orlando Viveiro (Foto: J. Vázquez)

Hai persoas que reflicten dun xeito extraordinario o carácter do país. Firme coma a rocha, rexo como o carballo, que nin os ventos cimbran, Orlando Viveiro é unha desas persoas que sempre está aí, silencioso e humilde, tal e como é el, desafiando os tempos, velando por conservar a esencia deste país noso, sempre exemplo de coherencia e integridade. Chairego de ben, home moi de verdade, adoita percorrer a Terra Chá coa fin de salvar do esquecemento todo aquilo que é piar fundamental da nosa identidade, que nos forxou como pobo. A lingua, o río e a súa cultura, os aparellos tradicionais, as mámoas, os castros ou os relatos dos nosos maiores sempre están no seu obxectivo.

Orlando foi candidato do nacionalismo en Outeiro no ano 1979, cando isto era un acto heroico e tiña un alto custo persoal. Dende entón, como militante de base, nas asociacións culturais ou de veciños, ou coas súas publicacións, nunca deixou este traballo discreto e desinteresado, sen ser nunca protagonista, pero sempre eficaz. Un exemplo de traballo para transformar o país, sen precisar cargos institucionais ou cómodos despachos.

E aínda segue, sen cansar.

Orlando, compañeiro, grazas.

Comentarios